Boas prácticas na reciclaxe

Amelia Ferreiroa

DEZA

Comenzaron no rural lalinense charlas sobre a separación de lixo nas que os cidadáns piden contenedores específicos

24 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O centro social de Bermés acolleu onte, ao mediodía, a primeira das charlas informativas sobre a optimización na producción de residuos, a reciclaxe e a compostaxe doméstica. Unha actividade que organiza o Concello de Lalín dentro do obradoiro de emprego Lalín Social, dentro do apartado de maiores no Rural, embelecemento activo de expresión e comunicación.

A charla foi impartida polo técnico municipal de Medio Ambiente Xosé Manuel Méndez e ao acto asistiu a directora do obradoiro de emprego Lalín Social, Elena Cuíña, e a titora Candelaria Gallardo ademáis dunha vintena de persoas que están tomando parte neste obradoiro. Xosé Manuel Méndez abriu a conversa falando de desenvolvemento sostible «pero a práctica é o que máis lle interesou aos asistentes. Querían saber que facer coas pilas usadas, por exemplo, ao carecer de envases específicos para depositalas», salientou Méndez ao remate da primeira charla informativa. Os asistentes non só buscaron respostas as súas preguntas senón que prantexaron tamén algunha reivindicación. A máis reiterativa é o feito de que o rural segue carecendo de contenedores específicos para depositar determinados residuos. «A xente sabe que se debe separar en orixe, que é necesario facer unha óptima separación de todo o lixo xa que iso supón un importante aforro de custes pero segue queixándose de que para iso se necesitan nas aldeas contenedores onde deixar vidro, papel, plásticos... Estamos tomando boa nota do que están demandando, do que falta no rural». Sobre o comportamento dos cidadáns do rural respecto á reciclaxe e a compostaxe doméstica, o técnico de Medio Ambiente do Concello de Lalín, entende que é bo. «Saben perfectamente a onde teñen que ir a parar os residuos. Ben é certo tamén que no rural prodúcese menos basura que na cidade. A proba é que o camión da recollida de lixo só vai dous días á semán e é que o papel, por pór un exemplo, úsase para outras determinadas cuestións. O que se pretende, de todos os xeitos, é darlles facilidades aos habitantes do rural en todos os eidos».

Respecto a reciclaxe de aceites domésticos usados non hai na vila depósitos específicos para os mesmos pero, segundo comentou Méndez, «a empresa Procesadora de Alimentos xa está facilitando envases a restaurantes e colexios interesados en depositar ditos residuos». As charlas informativas continuarán hoxe en Prado, mañán en Muimenta, o xoves será en Vilanova e o venres en Vilanova. O horario de celebración é de 12 a 13 horas nos centros sociais das respectivas parroquias lalinenses.