Menos visitas ao ambulatorio

Amelia Ferreiroa

DEZA

Coa implantación da nova receta electrónica, que se oficializará hoxe en A Estrada, búscase reducir as consultas

27 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Estrada porá en marcha nesta xornada a dispensación de medicamentos a través de receta electrónica. Lalín será o seguinte municipio en contar coa entrada en servizo deste novidoso sistema, que propiciou que técnicos e auxiliares de farmacia entregaran onte 20.000 sinaturas na Xunta ao entender que se fomentarán os despidos nas boticas galegas. Pero máis dun farmacéutico da zona non o entende dese xeito, e mesmo afirma que non suporá ningún cambio na súa farmacia. «A lei de farmacia salienta que a dispensación de medicamentos ten que estar sempre supervisada por un licenciado. Existen casos en que o farmacéutico non pisa o establecemento e o deixa en mans dos auxiliares. Agora, coa entrada en vigor desta receta electrónica o titular contará cunha tarxeta específica para poder acceder á dispensación de recetas. En teoría, debería de entregar el os medicamentos pero iso xa o debiamos de facer todos actualmente, en todas as farmacias», comenta o farmacéutico lalinense Granja Bargados.

A nova implantación deste sistema supón mudar o nivel tecnolóxico da botica que estará conectada permanentemente ao Sergas a través dunhas liñas especiais -que instalará o operador R despois de que se asinase un convenio co Colexio de Farmacéuticos-. Os gastos que se deriven de ditas instalacións correrán por conta do profesional, pero o mantenemento e custo da rede será asumido polo Sergas.

As recetas impresas están, polo tanto, en vía de extinción. En breve o paciente acudirá incluso menos ao seu médico de cabeceira e ás visitas ao centro de saúde irán en disminución. «Agora o enfermo ven coa receta impresa e na farmacia dispensámoslle os medicamentos. Despois o médico mete no servidor a medicación que debe tomar o paciente e automáticamente xa aparece no historial do paciente e na pantalla do servidor da farmacia». Unha das novidades da nova receta é que o doente poderá adquirir a medicación 10 días antes da data en que a recete o facultativo e ate 30 días despois non terá caducidade. Actualmente non poden retirarse antes da data marcada.

Os enfermos crónicos non terán necesidade de ir ao seu médico de cabeceira con tanta asiduidade polo que os facultativos non perderán tempo en cuestións burocráticas como é cumprimentar recetas. Agárdase que coa posta en marcha deste sistema se poidan aumentar os tempos de consulta. Estímase que máis do 70% das consultas nos ambulatorios son para pedir recetas.