Agro de Abaixo estrea web

Amelia Ferreiroa

DEZA

A Anpa do colexio Xesús Golmar celebrará asemblea este venres na que a nova directiva se presentará aos pais

24 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Anpa do colexio Xesús Golmar de Lalín convocou para este venres asemblea, que se celebrará ás 20.30 horas en primeira convocatoria e media hora despois en segunda, e na que se procederá a presentarlles aos pais a páxina web da asociación. Unha asemblea que será aproveitada polos membros da Anpa para presentarse oficialmente ante os pais de alumnos.

A páxina web da Anpa Agro de Abaixo do Xesús Golmar foi elaborada polo vicepresidente da asociación, Javier González Vales, e na mesma aparecen todo tipo de novas vencelladas co centro educativos. Dende o programa Bolboreta, pasando polos itinerarios do transporte escolar ou os menús semanais -e mensuais- do comedor se poden ollar en www.agrodeabaixo.com.es, ao igual que a nova composición da directiva da asociación. Para a presidenta da Anpa, Elena Buceta, «a páxina servirá para que os asociados sepan o que facemos dende a Anpa. Os de fóra -ao mellor- copian algunha das nosas iniciativas ao igual que podemos facer nós á hora de mirar páxinas desta índole».

Na asemblea deste venres a xunta directiva da Anpa aproveitará para darse a coñecer aos pais e falará das actividades e dos proxectos que pretende pór en marcha. Na actualidade 46 cativos, de entre 3 e 12 anos, participan no programa Bolboreta. «É un programa de atención continuada do alumno fóra do horario lectivo. A franxa horaria que está tendo máis demanda é a que vai de 14.30 a 18 horas. Por outra banda a informática, o inglés e a pintura son as clases nas que hai máis rapaces anotados ao igual que os obradoiros que se veñen levando a cabo en consonancia coa época do ano. Tamén teñen moita demanda», apunta Elena Buceta. Catro profesionais se encargan de atender aos cativos que toman parte no programa Bolboreta.

A Anpa Agro de Abaixo do colexio Xesús Golmar de Lalín levará tamén a asemblea deste venres algún novo proxecto que se podería materializar nas vindeiras semáns. «Queremos pór en marcha cursos que sexan para pais e rapaces, nos que estemos maiores e pequenos. En marzo comezará -se non hai cambios- un curso de cestería que se realizará os venres pola tarde e tamén queremos iniciar outro de informática. No primeiro seguro que os pais lles poderemos amosar algo aos nenos e axudarlles. No caso do curso de informática, na maioría dos casos, serán os rapaces os que nos ensinarán algo aos maiores. Pensamos que serán moi enriquecedores».