As asociacións e cooperativas prometen sorprender ao público e unha charanga local se estrea na Feira do Cocido
04 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A Feira do Cocido de Lalín é, como todos saben, a antesala do Antroido polo que o desfile -que arranca sempre despois do pregón, ás 13 horas- é o primeiro escaparate do que se verá en Galicia no Carnaval.
Charangas, comparsas e grupos veñen á capital dezá o día do Cocido coas súas mellores galas; ás que logo pugnarán por facerse con primeiros premios en concursos locais e provinciais. O vindeiro 15 de febreiro voltará a suceder o mesmo pero con algunha variación. Na próxima edición da Feira do Cocido de Lalín haberá máis carrozas e menos charangas e comparsas. O motivo non é outro que aforrar algúns euros en tempos de crise e reducir tamén a duración do desfile que comeza na Avenida Bos Aires e remata máis alá da Fonte dos Cabalos.
Seis asociacións, dúas cooperativas, dúas parroquias e unha escudería presentarán nesta edición -ante o xurado- as súas carrozas que segundo os coordinadores do desfile prometen sorprender ao público. Os colectivos A Carqueixa de A Veiga, A Carballeira de Cercio, A Balouta de Muimenta, Rías Baixas de Pontevedra, Cabaleiros de Lalín e Cabaleiros do Deza levan tempo traballando nas súas carrozas ao igual que as cooperativas gandeiras de Botos e Aprodeza, os veciños da parroquia lalinense de Sello e os de Santa Mariña de Pescoso de Rodeiro. A única escudería que participará é a Lalín-Deza.
Todas as agrupacións da zona recibirán do concello de Lalín unha achega de mil euros á espera de facerse tamén con algun dos cinco premios que se outorgarán ás cinco mellores; e que oscilarán entre os 1.300 euros da primeira clasificada aos 500 euros que percibirá a quinta.
Respecto das formacións musicais, charangas e comparsas voltarán a darse cita nas rúas lalinenses grupos xa ben coñecidos polo público. Falar da comparsa Os Amoriños de Ponte Bora, de Os Canecos de Poio ou Os da Caña de Marín é lembrar agrupacións que todos os anos estrean vestiario e ritmos en Lalín, polo Cocido. E, por primeira, vez se estreará unha charanga local: Os Rápidos da parroquia de Botos. Outra das novidades que presenta o desfile deste ano é a participación do grupo de A Estrada, Lume na Lareira. Namentras as bandas continuarán sendo as xa tradicionais: Banda de Música de Lalín, a Banda de Gaitas Os Dezas de Moneixas e a Banda de Gaitas Tradicional O Pedrón de Padrón.
Pese ao pequeno recorte que se levou a cabo na contratación de comparsas e charangas -unha media ducia- o desfile terá unha duración de máis dunha hora tendo en conta que percorrerán as principales rúas lalinenses un total de once carrozas, catorce charangas e comparsas e tres formacións bandísticas.