«Síntome máis cómodo con que elixira a miña canción o PSdeG»

Alfonso González

DEZA

«Quen poidera namorala» convértese 34 anos despois da súa aparición na sintonía electoral para a campaña dos socialistas ás autonómicas

18 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O músico moranés considera un «honor» que os socialistas elixiran a súa canción como tema electoral. «Creo que é unha boa canción e na estratexia de márketing das campañas electorais pensarían que era unha boa decisión», sinala.

-¿Falaron con vostede previamente desde o PSOE?

-Si, Antón Louro púxose en contacto conmigo para solicitarme autorización e non tiven ningún problema. Ao contrario.

-¿E explicoulle o motivo polo cal elixiron este tema?

-Non, realmente non o sei. Supoño que sería unha decisión de márketing, estratexia electoral. Non o podo saber.

-A priori é un tema que non ten o ritmo que se supón rápido e acelerado de moitos temas das campañas, pero si moito contido filosófico e igual foron por aí ¿Non?

-Supoño que si. E ademais é un tema que lle gusta en xeral a todo tipo de xente, con moito éxito. É unha canción que lle gusta aos novos e aos maiores, non discrimina.

-Si lle din no 75 que anos despois a canción ía ser elexida por un partido para unha campaña electoral ¿Pensaría no PSOE?

-Home si, porque quizá o concepto do disco en xeral Aí ven o maio é bastante reivindicativo. Si encaixaría perfectamente dentro do PSdeG.

-Co debido respecto, está vostede xa ao nivel de Juan Pardo...

-Ja, ja, ja. Bueno, si. Juan Pardo cun partido e eu con outro. Eu basicamente estou cómodo, porque me identifico máis coa esquerda que coa dereita. Así que síntome máis cómodo con que a elexira o PSdeG que outros partidos. O señor Pardo ten unha maneira máis cara a dereita e eu máis cara a esquerda, pero todo é respectable.

-¿Chegou a militar politicamente?

-Non, nunca, pero si teño moitos amigos e coñezo moita xente dentro no PSdeG. E tiven moitos amigos na época xa do Partido Comunista. Realmente sempre me movín nun centro esquerda.

-Despois disto, sentirase máis obrigado a votar ao Partido Socialista nas eleccións...

-Bueno, o voto é segredo ¿Non?, Ha, ha. Home, xa che digo que estou máis próximo á esquerda, aínda que ningún partido ten o 100% do meu apoio, pero a miña idea do que ten que ser a política si se aproxima máis ao Partido Socialista que a outros partidos.

-E agora estará máis pendente das sintonías que elixen os outros partidos.

-Non moito, pero si, ten un pouco de morbo a cousa. Vai a estar a cousa divertida, ha, ha. O importante é tomarse a vida así, que son catro días.

-Agora mesmo ¿En que se ocupa Luis Emilio Batallán?

-Son médico no centro de saúde de Moraña e estou moi contento, porque é outra afección miña que é vocacional.

-¿E como o leva estes días coa gripe?

-Agora xa baixou un pouco a epidemia de gripe. Estiven fóra pero neste últimos días xa baixara un pouco.

-E a música nestes intres, ¿Que espazo ocupa?

-Gravei un disco en castelán en La Habana, con colaboracións de Joaquín Sabina e Pablo Milanés, que se chama Tu retrato. E a música neste momento está nun plano secundario. Este disco graveino hai dous anos e agora estou un pouco en stand by, pero supoño que volverei gravar en galego. Porque é unha vocación que teño. E igual que pasen as crises ou deixe de habelas sempre estarei facendo cancións.

-Pero mentalmente estará barallando algún proxecto.

-Si, un disco en galego. Quería sacar remasterizado, con portada de Laxeiro, o disco Ballet da nena, que era un disco moi bonito en galego, e que pasou un pouco desapercibido. E estou compoñendo cancións en galego para sacar outro traballo, supoño que dentro dun ano ou así, pero sen presa. Entre a mediciña e a música lévoo así, tranquilo.

-¿E outros plans, porque vostede é unha persoa inquieta e polifacética donde as haxa?

-O do fútbol foi un desastre, déixao aí, ja, ja. ¿Ías por aí non? Mellor non tocalo, porque aborrecín o fútbol. Porque eu tiña unha idea romántica co Pontevedra, do fútbol, do xogador Choliño, que conducía un trolebús e despois ía defender unhas cores e todo iso... E despois de estar dentro ves que o fútbol é un desastre. Aborrécelo, porque son todo cartos e só funciona o diñeiro. É un aburrimento.