A delegación zonal da Asociación Galega de Fibromialxia organiza unha xuntanza no local de Caixanova en Lalín
11 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Para este sábado, ás sete da tarde, no local social de Caixanova en Lalín está fixada esta xuntanza que organiza a delegada de zona da Asociación Galega de Fibromialxia, Teresa Míguez. Trátase dun encontro aberto, como todos os que programan dende o colectivo. «As portas sempre están abertas para as enfermas pero tamén para os familiares, os amigos e aquelas persoas que poidan estar interesadas nesta doenza. Sempre insisto no importante que é que nos entendan, saiban o que nos está a pasar», sentencia Teresa Míguez.
Unha xuntanza na que está previsto interveña a presidenta galega de Agafi Dolores Bermúdez e a médico de cabeceira Pilar López Carrón. De ésta última, comenta Teresa Míguez, «é unha persoa moi concienciada coa nosa enfermidade. Ela se encarga de mandar a moitas mulleres á asociación». A charla de Pilar López versará sobre a fibromialxia na Atención Primaria. «É un tema moi interesante xa que no momento en que te sintes mal sempre vas ao teu médico de cabeceira. É o profesional que mellor te poderá aconsellar e te remitirá ao especialista axeitado, que será o reumatólogo. Unha vez feita a peregrinación de probas e de especialistas que, en moitos casos, é lenta e cansina voltarás a depender en boa parte dese teu médico de cabeceira de sempre». Pola súa banda, a presidenta de Agafi disertará sobre a asociación galega e sobre os servizos que pón a disposición das asociadas. O colectivo, a nivel zonal, tamén ven desenrolando xa unha serie de actividades pero para sorpresa da presidenta comarcal non está tendo a resposta esperaba. «Precisabamos tanto dunha delegación na zona e agora estamos vendo unha resposta mínima. Iso me entristece. Todos os xoves ás 8 da tarde no pavillón do vello colexio Manuel Rivero hai técnicas de relaxación para as persoas con fibromialxia e só acudimos unhas poucas. É unha sorte que poidamos contar con esta actividade gracias o programa de Concellos Saúdables, e non se aproveita». Teresa Míguez tamén lamenta a falta de participación nas reunións mensuais que celebran todos os primeiros xoves de mes. Agarda que, coa xuntanza do vindeiro sábado, comece a haber máis participación nos actos que se organizan e vaian máis persoas as clases de relaxación que imparte Carlos Taboada, que estará tamén no encontro deste sábado.
E, unha vez remate o acto, no local social de Caixanova haberá unha cea que se celebrará na Parrillada Taboada á que están convocadas as trinta socias coas que conta a asociación na zona. «A cea só custa 12 euros. Hai que anotarse, e para iso só é preciso falar conmigo. Espero que veña moita xente xa que é unha ocasión para falar, intercambiar opinións... A miña recomendación é que as enfermas non se encerren, que saian».