Cando a necesidade apremia

Amelia Ferreiroa

DEZA

O Concello de Silleda conta cun roupeiro municipal, no Centro Social, ao que acuden todos os días cidadáns

27 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O roupeiro municipal de Silleda leva anos de funcionamento aínda que agora, dende o departamento de Servizos Sociais, se está tentando melloralo na medida das posibilidades e paseniñamente.

O roupeiro está ubicado no Centro Social, e del se ven ocupando a educadora familiar do Centro de Información ás Mulleres de Silleda en estreita colaboración con outras compañeiras e baixo a dirección da edil Dolores García. «Tiñamos moita roupa e caixas e fomos procedendo a colocala nas estanterías. Para iso contamos coa axuda de tres voluntarios, tres personas da terceira idade que se prestaron a facer esa tarefa. Aínda restan prendas por colocar e ordenar pero sí está funcionando», explica a concelleira de Servizos Sociais Dolores García. Un roupeiro no que se atopan prendas para todas as idades, dende un recén nado até unha persoa maior. «Cando existe unha necesidade pode afectar a unha familia enteira, polo tanto de idades dispares». O local está aberto ao público todos os días, en horario de mañán, pero xa se está estudando a posibilidade de abrilo a algunha hora pola tarde debido á demanda que está tendo actualmente. «Todos os días ven algunha persoa a recoller algunha peza de roupa». Son os delegados das distintas parroquias silledenses e os responsables do departamento de Servizos Sociais do Concello de Silleda os que derivan ate o roupeiro a un determinado cidadán, ao detectarse una necesidade deste tipo de artigos no seo familiar. «Tampouco lle pechamos a porta a aquela persoa que veña a pedirnos un determinado artigo. Mira, ninguén ven a pedir se non o precisa».

No roupeiro municipal tamén se almacena roupa de cama, xoguetes, cunas, andadores e algunha trona que desaparecen nun abrir e pechar de ollos pola demanda que están tendo en certas familias do municipio. Á hora de acceder ao local silledense non se aprecian reparos nin reticencias á hora de entrar. «Se necesitas un pantalón ou un xersei para un fillo non hai vergoña. A necesidade é real e non queda outra que tentar solucionar o problema canto antes», sentencia Dolores García.

Son os propios veciños de Silleda os que realizan as aportacións de roupa ao roupeiro. Prendas, que só se recollen, se están en condicións óptimas para ser usadas: limpas e en bo estado. O mesmo sucede coa recollida de xoguetes ou outros enseres.

Lalín carece na actualidade dun roupeiro municipal, que sí existiu un par de anos atrás nas proximidades do antigo departamento de Servizos Sociais, fronte ao colexio Manuel Rivero. Os lalinense optan entón por facer entrega habitualmente das prendas de roupa que xa non usan no local de Cáritas Parroquial ou se decantan por levalas aos contenedores que para tal finalidade existen en moitas localidades galegas.