O Auditorio de Galicia acollerá o segundo Certame Galego de Bandas, no que participará Agolada e Bandeira
18 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Federación de Bandas de Música de Galicia organiza por segundo ano consecutivo o Certame Galego de Bandas que se celebrará do 21 ao 23 deste mes no Auditorio de Galicia. Certame que conta co patrocinio da Consellería de Cultura e Deportes, e no que tomarán parte un total de dezaseis formacións das que dúas son da comarca de Deza. Trátase da Banda de Música Municipal de Agolada e a Recreativa e Cultural de Bandeira que competirán na sección segunda e primeira, respectivamente.
Os obxectivos deste certame son, segundo a Consellería de Cultura, dar maior proxección ás bandas de música e fomentar a incorporación de obras de autoría e temática galega no seu repertorio. As dezaseis agrupacións musicais participantes terán que interpretar un tema obrigatorio, un pasodoble e unha obra libre.
A Banda de Música Municipal de Agolada, que competirá o sábado a partir das 18 horas na sección segunda, deberá de pugnar polo primeiro posto contra a Banda de Música Cultural de Teo, a Banda da Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, a Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida de Matamá, a Banda Popular de Tui e a Asociación Cultural Musical Sementeira de Narón. «Nós esperamos voltar de Santiago co primeiro premio. Creo que a Banda de Agolada está nun bo momento e estamos moi fortes», con ese optimismo afronta o director da agrupación agolense Nilo García Armas a participación da banda no certame da vindeira fin de semán. Por certo que o Concello de Agolada fletará dous autobuses o sábado -un para os sesenta músicos da banda e outro para todos aqueles cidadáns que desexen acudir a Santiago ao certame-. A saída dos autobuses está prevista para as 16.30 horas.
A Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira entrará en competición ao día seguinte, o domingo ás 17 horas, na seccción primeira na que tamén intervirán a Banda de Música de Catoira, a Agrupación Musical de Vincios e a Banda de Música Municipal de Valga. Unha formación que tamén pretende voltar con premio deste segundo Certame Galego de Bandas no que tomarán parte uns 1.500 músicos galegos.
Asemade as bandas de música contan agora cunha nova web da Federación de Bandas de Música de Galicia na que os usuarios poderán subir música e partituras das agrupacións para que outras as poidan empregar pero tamén difundilas co gallo de facer chegar a todos os rincóns a cultura galega.