Sae á luz o libro «Xentes, feitos, retrincos», de Vázquez Crespo

Amelia Ferreiroa

DEZA

Neira Vilas prologa a duodécima publicación deste lalinense

05 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

«Acabo de parir o último fillo». Así califica o escritor lalinense, afincado en Madrid, Armando Vázquez Crespo a saída do seu libro Memoria do Tempo en Deza. Xentes, feitos, retrincos . Un libro que sae no mes de novembro, polo San Martiño, «que marca a matanza do porco e da proba do viño novo, e coroa mesmo o da castaña». Un bo puñado de amigos de Armando Vázquez foron quenes lle pediron facer este libro co gallo do seu setenta cumpleanos. Entre arquivos e hemerotecas foron aparecendo unha ducia de traballos, a maioría dos que escribiu sobre a comarca de Deza e que agora aparecen compilados nesta nova publicación. Case todos os libros de Armando Vázquez son en castelán, pero nunca rexeitou o galego -segundo explica Xosé Galego García- e proba delo están as Cousas do Tío Mingos que publicou alá polo 1961 co seudónimo de Harmán do Carrio.

Con prólogo de Xosé Neira Vilas, nesta publicación atópanse diversos traballos soltos que publicou Armando Vázquez dende o ano 1956. Obra que está dividida en tres apartados: Xentes, Feitos e Retrincos. O escritor cruceño Neira Vilas lembra que Armando e el son case veciños, un de Gres (Vila de Cruces) e outro de Bermés (Lalín), vinte quilómetros de distincia pero dunha mesma comarca: a dezá, e do centro xeográfico de Galicia que bañan os ríos Deza, Ulla e Arnego. Ambos teñen, según Neira Vilas, un xeito común de ver o mundo, e de cavilar, unha mesma tradición e un mesmo destino.

Nese primeiro apartado, baixo o epígrafe de Xentes , se atopan oito publicacións: Nuno E annes Cerçeo, el trovador de Cercio , O Matemático de Bermés , O Cardenal de Camba «el santico gallego» , Francisco Javier Rodríguez Gil «O filólogo de Bermés» , Xentes de letras na Terra de Deza , Otero Pimentel, un escritor esquencido da Terra de Carbia , Joaquín Loriga e Dos pioneros de la historia y de la geografía locales ; moitas delas publicadas en La Voz de Galicia e no Anuario Descubrindo, do Seminario de Estudios do Deza. Nos Feitos , Armando Vázquez, recompila artigos La historia avala el paso por Deza de un camino jacobeo , Das vellas feiras de Trasdeza á Semana Verde ou Lalín está pedindo unha novela . O monte do Carrio é noso , O vello gaiteiro e Poemas gallegos de tierra adentro están incluidos nos Retrincos e, por último, ven a Música Coral coa Cantata de Deza (con letra de Armando Vázquez e música de Fernando Vázquez Arias que foi estreada polo grupo Ars Musicae de Pontevedra, a Orquesta Camerata de Oporto e a coral polifónica de Lalín na inauguración do Auditorio de Lalín o 17 de maio de 1991 no Día das Letras Galegas), a Panxoliña de Deza 93 e O Corpiño, Cántiga dos romeiros.