Clientela fixa na compra de alimentos de Comercio Xusto

Amelia Ferreiroa

DEZA

Os cafés, chocolates e arroces son os produtos máis pedidos

30 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Tempo atrás e semanas antes de que chegaran as festas de Nadal, a Asociación Manuel Ferreiro de Lalín puña a disposición do público un amplo abano de produtos de Comercio Xusto. O primeiro foi explicarlles aos cidadáns o que había detrás destes produtos: iniciativas libres de producción nas que se garantía a non explotación infantil e un pago digno aos produtores polo seu traballo sen que, polo medio, houbera intermediarios. As campañas puntuais de venda deste tipo de produtos en Lalín sempre foi positiva. Namentras, a xerente da herboristería lalinense Ginkgo Biloba, María Faílde, era compradora habitual deste tipo de produtos polo que tiña claro que os poría a disposición da súa clientela no seu establecemento. Hoxendía nas estanterías do herbolario, á vista están, arroces, chocolates, cafés, galletas e chocolatinas. «Son os produtos alimenticios que mellor saída están tendo. De todos os xeitos son alimentos que mercan sempre unha mesma clientela, é fixa. Son persoas que coñecen estes produtos, que valoran a súa calidade e que non lles importa pagar un pouco máis por eles», explica María Faílde.

Os cafés procedentes de Cuba e de Colombia, o arroz de Indonesia, as galletas, as cremas de cacao, o cacao en pó, o chocolate e as chocolatinas son algúns dos produtos alimenticios de Comercio Xusto que se poden mercar no local lalinense. Meses atrás no Ginkgo Biloba había moita máis variedade. «Tiñamos xoguetes, bisutería, caixas... pero nos dimos conta que eran pezas que tiñan moi pouca saída. O certo é que compramos polo ollo, os cativos prefiren unha play a un xogo precioso de damas que foi confeccionado de xeito artesanal nalgún punto do Perú ou Ecuador. Detrás está un traballo digno onde non se explota ao ser humán pero o que lle presentamos ao cidadán non interesa. Falta concienciación e evolución persoal...».

De cara as vindeiras datas de Nadal espérase un maior volumen de ventas de pequenos detalles. «Eses regaliños cos que se pensa obsequiar a amigos ou compañeiros proceden do Comercio Xusto. No momento en que vexamos que hai unha maior demanda de produto -de calquer tipo- por parte dos nosos clientes tentaremos dispór deles».

A responsable do Ginkgo Biloba de Lalín lémbralle a aqueles que desexen mercar algunha cousa específica de Comercio Xusto que en Ourense e Santiago están funcionando tendas específicas deste tipo de mercadurías nas que se pode atopar de absolutamente todo. «Incluso se poden mercar cestas de Nadal, nós as tivemos pero non tiveron boa aceptación».