A oferta futbolística feminina ten cada vez ten máis recoñecemento, pero aínda é materia pendente, e nas comarcas de Deza e Tabeirós concéntrase en só tres clubs
17 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Dende hai tempo, o papel das mulleres nos campos de fútbol pasou de limitarse ás gradas, a ampliarse ao céspede e ás bandas; e o mesmo ocorre co fútbol sala. O fútbol feminino gaña cada día en recoñecemento e nivel, e o balompé xa non é, nin moito menos, un territorio vedado ás féminas. A pesar de que as comarcas do Deza e A Estrada teñen como referente dende hai anos ao Val do Ulla, ben é certo que o denominado deporte rei aínda se resiste en canto á súa implantación entre as deportistas e aficionadas dezanas; alomenos iso é o que se extrae dos limitados clubs que contan con sección feminina na zona; tres en total, entre a multitude de entidades que se suceden nos nove municipios das comarcas de Deza e Tabeirós Terra de Montes.
Só Val do Ulla e Unión Deportiva Silleda contan a día de hoxe con equipos federados de fútbol. A estes súmaselles a sección de fútbol sala que sostén o Cogal Rodeiro dende hai varios anos, e aí se acaban as opcións das rapazas e mozas da zona de xogar ao fútbol ou ao fútbol sala sen saír de Deza e Tabeirós. Aínda que se logrou consolidar un grupo máis ou menos amplo, o Balouta lalinense non conseguiu sacar esta tempada equipo; os prazos da Federación quedaron algo curtos, e o proxecto para a sección feminina do club deberá a agardar á tempada próxima. Ben diferente é o caso do fútbol sala estradense, que o ano pasado, amparado no Estradense Fútbol Sala, contou con dous equipos, pero iso xa é historia.
Trazos comúns
Os equipos femininos de fútbol e fútbol sala da zona gardan trazos comúns, que van dende a súa posta en marcha, ata as motivacións coas que en boa medida empezan as xogadoras. Tanto no caso do Silleda como do Rodeiro, os equipos femininos botaron a andar ao amparo dos respectivos clubs xa existentes. «Plantexouselle ao Silleda, e eles dixeron que si; ata aquel momento sempre se traballara con homes, pero eu penso que todo é cuestión de empezar», explicou José Abeledo, técnico do plantel feminino de Trasdeza. E é que Abeledo teno claro; se non hai máis equipos femininos, é porque non se poñen en marcha. A pescada que se morde a cola; xa que Abeledo entende que se non se animan máis xogadoras, é porque non se lles ofrece a posibilidade; sen embargo, noutros casos, non se poñen en marcha por falta de efectivos.
O primeiro achegamento
No capítulo de motivacións que achegan ás deportistas ao mundo do balonmpé hai unha longa lista de razóns, se ben a curiosidade, o gusto polo deporte, a intención de practicar algunha actividade, e as propias amizades, son as máis comúns. María Campos, xogadora do Silleda, lembra como foron os seus comezos: «A min sempre me gustou moito o deporte; dende pequena sempre xoguei con equipos de nenos, e despois cando medrei militei en equipos de fútbol sala e despois de fútbol». A falla de opcións en Silleda levouna a xogar a cidades como Vigo, pero cando se lle presentou a oportunidade, voltou á casa. Aínda que María sempre levou o deporte nas veas, recoñece que hai variedade de razóns á hora de achegarse ao fútbol; «moitas veces chegas por casualidade; porque tes unha amiga que xoga, porque che gusta o deporte, ou só por probar».
Estas motivacións ratifícaas Juan Rodríguez, adestrador do Rodeiro de fútbol sala feminino, que que na actualidade conta con 13 xogadoras, pero que chegou a ter 20. «Dende que empezamos, hai seis anos, conto con sete ou oito rapazas que seguen e que están encantadas; despois, sempre che veñen rapazas por curiosidade, outras que queren facer deporte pero que ven que o fútbol sala non é o seu... O importante é conseguir fidelizar a un grupiño, porque despois as demais súmanse», opina Rodríguez.
Falta recoñecemento
Do que tampouco lle caben dúbidas a María Campos é de que o fútbol feminino aínda non ten o recoñecemento suficiente, nin tan sequera dentro dos propios clubs, que nalgúns casos poñen en marcha seccións femininas tan só para acceder a subvencións. «Moitos clubs aínda non cren no deporte feminino, e iso é unha mágoa. Mentres os clubs non crean en nós, en que podemos ser referentes e encher as gradas dos campos, non cambiará nada e seguiremos sendo minoritarias».