«Nestes días sairá para Lima material escolar e roupa»

Amelia Ferreiroa

DEZA

Carmen Carballude e outro empresario pecharon onte a conta solidaria, aberta para construir un centro na selva

25 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Apenada está Carmen Carballude pola contía total da conta que se abriu nunha sucursal lalinense, despois de que o Concello presentase unha campaña de apoio á iniciativa do Padre Pasionista de Donramiro, Odilo González, que lle solicitara ao Concello axuda para levantar unha capela-centro social na selva peruana. A concelleira Nuria Rodríguez falaba de que había uns mil euros. Pola súa banda, o Padre Odilo esperaba que fose o Concello o que subvencionara a construcción da capela-centro social no Perú.

-¿Que cantidade había definitivamente na conta bancaria?

-Na conta había exactamente 223,86 euros. Estivemos na entidade bancaria, na que se abriu a conta, outro empresario da vila e eu mesmo -que eramos os titulares da conta- e solicitamos que se pechara xa que non tiña obxecto que continuara aberta. Logo aproveitamos para facerlle unha trasferencia bancaria para que o Padre Odilo poida dispór de dita cantidade. Non creo que lle dé para moito... Para o centro social que desexaba levantar por soposto que a cantidad non chega nin para comezar. Non sei en que o investirá pero alí sempre sobra onde metelo. As necesidades son tantas...

-¿Teñen pensado iniciar vostedes algunha campaña destas características?

-Ao Padre Odilo non lle agrada pedirlle aos veciños, sabe que cada quen tén necesidades que ir sorteando... De feito, todo o que eu vou recaudando o fago a título particular, en función do que me conta e despois de ir indagando cales son as carencias que existen nun determinado momento.

-¿Agora mesmo existe algunha carencia específica?

-Que eu teña coñecemento non hai agora mesmo unha específica, pero moitas en términos xerais. Tendo en conta que no Perú están en pleno curso académico a intención é botar unha man de cara ao vindeiro ano académico.

-¿Que van enviar?

-Fundamentalmente material escolar e roupa. Nestes días sairá para Lima material escolar e roupa, imos mandar moitas libretas, libros, bolígrafos, lápices e gomas. Para os cativos peruanos unha libreta ou unha goma é un ben preciado.

-¿Mercan vostedes todo o material?

-Unha parte. A outra procede de moitas doazóns. A xente colabora conmigo nesta iniciativa dende que comecei e mándame roupa, pregúntame que fai falla e tamén axuda con aportacións económicas que precisamos para facer os envíos.

-¡Canto custa un envío ao Perú?

-Nós só nos facemos cargo do envío ate Bilbao. Alí é a Congregación dos Pasionistas á que se encarga de facelo chegar a Perú. Cada envío nos custa, a nós, 200 euros e aos Pasionistas uns 3.000 euros. Tarda en chegar a mercaduría quince días, pero chega. Na tenda temos unha pequena caixa para donacións e, co que imos xuntando e co que pomos nós facemos envíos máis ou menos periodícos. Cando temos unha cantidade axeitada a mandamos.