«O segredo dos churros está en facer moitos xuntos, é coma o pulpo»

DEZA

María Luisa Ferreirós Rodríguez leva moito tempo poñéndolle dozura ás compras dos estradenses que acoden semanalmente á feira dos mércores.

-¿Onde se fai mellor feira?

-Eu traballo normalmente na Estrada, en Lalín, en Vilagarcía e en Padrón. En Vilagarcía é onde fago máis negocio case sempre, pero depende.

-O churro é toda unha institución nas feiras pero, coa variedade de doces que hai agora, ¿mantéñense as vendas?

-Vendíase moito máis antes. Agora baixou a economía e a xente ten que reprimirse un pouco. Aforra nestas cousas.

-¿A canto vaia a docena?

-Dous euros.

-¿Aféctalle a calor ó negocio?

-Moito. Cando vai moita calor a xente tira máis polos xeados. Para nós é mellor o tempo fresco, pero non a choiva, senón non ven a xente...

-Din que a receita é doada...

-A masa leva só auga, fariña e sal, todo fritido en aceite. E azúcar por riba.

-O combinado non é moi dietético...

-(Ri) A maioría piden que lle cargues ó azúcar.

-¿Por que os churros da casa nunca saben coma os da feira?

-O segredo está en amasar e fritir moita cantidade xunta. É coma o pulpo da casa, que por moito cariño que se lle poña tampouco sabe nunca coma o da feira.