Unha banda de gaitas en Lalín

Amelia Ferreiroa

DEZA

A un mes para que remate o curso, prepárase un acto no que participarán alumnos dos cinco centros da provincia

27 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A finais de xuño rematará o curso na Escola de Gaitas de Lalín, que depende da Deputación de Pontevedra, aínda que a intención é continuar impartindo a ensinanza de colectivo ao longo dos meses de verán. Os obxectivos son varios, segundo explica o director Hipólito Cabezas. «Estamos nunha fase en que os alumnos xa empezan a tocar máis e estar parados ate finais de setembro ou comezos de outubro é demasiado tempo. Perden coñecementos e tamén detectamos unha fuga de rapaces a grupos locais nos meses de verán. Buscan unha alternativa, queren seguir tocando e nós pechabamos a porta. Iso ímolo cambiar».

Un curso académico que se caracterizou polo axiña que transcurriu, «non deu tempo para nada». O director da escola amósase contento polo seu desenvolvemento xa que «a escola estase consolidando, contamos con máis material e a formación é cada vez máis grande e compacta». Proba da demanda que se rexistrou e do interese mostrado é o feito de que se duplicaron os días de clase. «As ensinanzas leváronse a cabo os martes e os xoves e agora, un dos nosos desexos, e formar unha banda de gaitas en Lalín. É un proxecto no que se está traballando. Salientar tamén que xa sairon da escola cuartetos, quintetos e sextetos: músicos adultos que se reúnen para tocar».

O concerto de fin de curso vai presentar tamén nesta ocasión algunha novidade. A máis importante é a organización dun concerto ao que asistirán os alumnos das cinco escolas de gaitas que están funcionando agora mesmo na provincia de Pontevedra. «É unha petición do presidente da Deputación Rafael Louzán, o seguidor número un da escola, unha persoa que lle pón moita ilusión a este proxecto e que desexaba ver aos alumnos das cinco escolas tocando todos xuntos». Con toda probabilidade, a falta de pechar definitivamente a data, o 28 de xuño cincocentos alumnos -pertencentes ás cinco escolas, entre elas a de Lalín- estarán sobre o escenario coa dificultade que supón coordinar o desprazamento de centos de músicos. Un macro concerto fin de curso que se celebrará en Pontevedra, pero haberá outras intervencións en cada unha das localidades onde está funcionando unha escola de gaitas destas características. «O concerto central de Pontevedra servirá para que se coñezan os alumnos e vexan que non están sós», explica Cabezas.

Antes destas celebracións resta aínda rematar as clases semanais, pero coas miras postas xa nos vindeiros concertos e informando ao alumnado da posibilidade que terán de continuar aprendendo nos meses de verán, sempre e cando o desexen. Para os demais chegará unha parentese vacacional ate finais de setembro ou outubro, datas en que comezará un novo curso.