A Xuntanza de Quintos do 71, que se celebrará na Ribeira Sacra, amplía o programa a todo o día «para poder falar»
25 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Xuntanza dos Quintos do 71 segue medrando para satisfación do presidente, Ángel Fernández Ferradás, que quere chegar a xuntar a uns cento oitenta quintos «que sei que os hai nas comarcas de Deza e Tabeirós-Montes, polos datos que manexo».
No ano 2000 comezou o encontro en Lalín coa asistencia de 21 quintos, e no pasado exercicio alcanzaron a cifra de 82. Para a cita do vindeiro día 31, na Ribeira Sacra, a falta de pechar a inscrición agárdase a asistencia dun centenar de asistentes. E para esta oitava unha particularidade: un día enteiro para poder rememorar máis dunha historia. «Antes só faciamos a comida e case non había tempo para falar coa xente polo que decidimos ampliar a xuntanza a todo ao día, dende as dez da mañán», salienta Chucho Penela. A organización porá a disposición dos participantes un autobús que sairá de A Estrada, pasando por Silleda e Lalín para continuar ate a Ribeira Sacra onde visitarán unha adega, pasearán en catamarán e compartirán mesa e mantel con vellos compañeiros de mil. «Algúns que coñecemos e outros non, xa que no meu caso é a segunda vez que participo», sentencia Perfecto Sangiao. Por outra banda, cabe a posibilidade de que se lles unan á xuntanza de finais de mes un grupo de Pontevedra. Trátase dunha asociación tamén de quintos dese ano que conta cunha trintena de socios, que posiblemente se xuntarán cos da asociación dezana.
A Xuntanza serve, sobre todo, para rememorar vivenzas. «Falamos da mili, de todas as anécdotas que temos grabadas na memoria e que non esquenceremos, do ruxe ruxe, da noticia do momento... A materia é ampla», comenta Sangiao. E, un ano máis, haberá quen viaxe dende Madrid, A Coruña, Vigo ou Pontevedra para estar presente na cita que é para moitos sagrada. «Aínda me lembro dun compañeiro que rompeu unha perna o día anterior á xuntanza e veu igual á comida coa súa muller e coa filla. Non se marchou ate as dúas da mañán, e mira que tiña dor...», lembra Chucho.
Pero, ¿como se financia un acto destas características? O presidente lembra aínda aquel desprazamento á Xunta de Galicia para solicitar algunha colaboración económica para o evento e recibiu unha resposta taxativa: para lambóns non hai subvencións . Dende entón, subliña Ángel Fernández, «decidimos pagar nós a xuntanza. Nos subvencionamos nós a nós mesmos. Pagan os quintos, vamos».
A xuntanza sempre se celebrará o último sábado do mes de maio, segundo decidiu a directiva da asociación.