Semana histórica para o Rugbi Lalín

DEZA

O primeiro equipo xoga a ida da fase de ascenso ante Salamanca, os cadetes a final da Copa Xunta, os máis pequenos o Campionato de España, e García Eiras o Europeo

16 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

«Semana histórica». Así definía o presidente do Rugbi Ibaser Lalín, Manuel González Aller, o que se lle bota enriba ao club durante esta fin de semana. E é que practicamente todos os equipos que integran o club dezano teñen competición por diante, e ademais, relevante. Para abrir boca, a xogadora Rocío García Eiras atópase dende onte en Amsterdam disputando coa selección española o campionato de Europa. O conxunto sénior deberá afrontar o vindeiro domingo o que está chamado a ser un dos partidos máis transcendentais da tempada, xa que recibe ao Salamanca no encontro de ida da fase de ascenso. Tamén de final será o encontro que xogará o Ibaser de categoría cadete en Acea da Ma mañá. Os xogadores dezanos mediranse ao CRAT na final da Copa Xunta. E por se todo isto fora pouco, benxamíns e alevíns do Rugbi Lalín acoden dende hoxe a Gijón para participar no Campeonato de España das categorías. Alguén dá máis?

Ibaser- Salamanca

O domingo ás 12 da mañá o Manuel Anxo Cortizo será o escenario onde o Ibaser se xogue boa parte das súas aspiracións de retornar a categoría Nacional. Despois de librar de ter que disputar a primeira eliminatoria da fase pola retirada do Palencia, os pupilos de Panteira e Capone teñen por diante a oportunidade de demostrar que son merecedores do ascenso. Para o encontro do domingo os Abellóns teñen a dúbida de Collós e Cachorro. O primeiro sufriu un pinchazo nun abdutor, polo que é seria dúbida, e o segundo resentiuse do problema no nocello, se ben no club confían en que se recupere.

Á marxe da dispoñibilidade dos efectivos, no Ibaser as ganas son o primeiro, polo que o domingo poñerano todo da súa parte, a pesar da hora. E é que o de xogar a medio día non encaixa nada ben nas rutinas dos lalinenses, que consideran que o horario do encontro podería chegar a xogar na súa contra de xeito considerable.

Os cadetes, contra o CRAT

A final da Copa Xunta non será exclusiva do primeiro equipo do Rugbi Ibaser Lalín, senón que os cadetes tamén teñen por diante a final copeira. Con Lois á fronte, os cadetes lalinenses mediranse mañá ao CRAT coruñés a partir das 16.30 en Culleredo. Segundo apuntou o técnico, «as aspiracións son gañar», e é que aínda que os coruñeses son un equipo forte, o Ibaser Lalín contou como vitoria o seu último enfrontamento na derradeira xornada da Liga.

Os pequenos tamén xogan

Os máis novos do club tamén teñen reservada esta fin de semana o seu oco de protagonismo, xa que os benxamíns dos abellóns e os alevíns compiten no Campeonato de España que se disputa en Gijón. Comandados por José Antonio Hernández, e co obxectivo de desfrutar xogando, os benxamíns arrancarán na competición medíndose mañá ao Buc barcelonés, que xunto con Alcobendas A e Marbella B, integra o grupo que tocou por sorteo aos lalinenses.

En categoría alevín, o Ibaser competirá en Gijón formando equipo con rapaces do Mareantes, e abrirá o torneo medíndose mañá ao Majadahonda. Alcobendas B e Vrac de Valladolid completan o grupo do Ibaser.

Os trece rapaces que compoñen a expedición do Ibaser a Gijón son parte dos arredor de 1.500 nenos que, chegados de toda España, adicarán esta fin de semana a desfrutar do rugbi. Dados os escasos equipos que compiten en Galicia, o Campeonato será unha gran experiencia.