Lugar: Teatro Principal e Auditorio Días: Ata o sábado
Horario: Galas no Principal. Hoxe 20.00 e 22.30. Galas no Auditorio, venres e sábado. 21.00
Precio: No Teatro Princial. 5 euros prezo único. No Auditorio 8 euros (4 euros cos descontos)
Entras a un local e un señor cunha americana brillante pídeche un billete de cinco euros. De non ser un mago non llo darías. Pero é mago así que todo o mundo confía a pesar de que ao que fan seguen a chamarlle trucos. Pilla o billete de cinco euros e dobra e dobra e dobra seguindo un cometido propio da Axencia Tributaria. Pero cando acaba a trituración do papel moeda o mago devolve un billete de dez euros. Nin o fresh banking é capaz de ilusionar tanto.
Comezando así é fácil crer na maxia e quizais por iso non se entende que en lugar de Fernández Antonio, o conselleiro de Economía non sexa o Mago Antón. Por iso cando me falan de maxia sempre quedo atrapado entre dúas definicións: non sei se maxia é aquilo que sucede sen que podemos explicalo ou sen que teña explicación razoable. Eu creo que coa maxia sucede como cos reis magos: existe se a xente quere que exista e está claro que a xente quere. Non teño nin idea de maxia e o ilusionismo non encaixa co meu carácter. Estou convencido de que é un problema de habilidade así que admiro dos magos a capacidade para a posta en escena e para que, contra todo prognóstico, decida non tentar como espectador saber onde está o truco do asunto.
Hai veces que os magos son sorprendentes e hai outras nas que se lle ve en exceso a maquinaria. Tamén hai magos aos que se lles ve a maquinaria e non importa tanto porque a súa forma de manexarse ten un bo levar, xogan co espectador como cas cartas e o espectador de mago é unha xente mansa, entregada e tranquila. Os magos que poden molestar son os que abusan da convención que é tanto como dicir da inocencia do espectador. Aqueles que revisten con exceso de bixutería. Tamén é certo que os magos que deberían molestar máis son os que lle das un billete de cinco euros e non che devolven nada a cambio. Pero deses non se miran en Compostela. Aquí andan todos baixo a chuvia coa intención de facernos ricos.