Aposta polas veladas teatrais

Amelia Ferreiroa

DEZA

A Escola Municipal de Teatro de Lalín celebra o décimo aniversario con representacións e busca intercambios

12 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Escola Municipal de Teatro de Lalín cumpre dez anos de vida. E, con tal motivo, se pensou en facer algo diferente: representacións especiais creadas para este evento en concreto. De aí xurden as veladas teatrais. Haberá tres e levaranse a cabo no Salón Teatro de Lalín. As datas de celebración xa están fixadas para os vindeiros días 2 e 30 de maio e 6 de xuño. «Tiñamos que preparar algo especial con motivo deste décimo aniversario e pensamos nunha participación de todos os grupos que están na escola. Son moitos e non podía facerse unha soa representación de aí que xurdira a idea das veladas teatrais. Así en tres veladas contaremos coas agrupacións que levan meses preparando e ensaiando as súas obras», salienta o director da escola lalinense Xosé Manuel Ogando Montes. O grupo A Pedreira de Palmou será o encargado de abrir as veladas o 2 de maio, ás 21.30 horas. As agrupacións teatrais do colexio Manuel Rivero e do IES Laxeiro de Lalín actuarán o 30 de maio, mentras que o resto de grupos que se constituiron no colexio Xesús Golmar, e nas parroquias de A Veiga e Vilatuxe sairán a escea o 6 de xuño.

Pero a actividade da Escola Municipal de Teatro de Lalín non remata coas representacións teatrais, froito do traballo dos últimos meses. Nos meses de verán, moitos dos actores afeccionados, continuarán cos ensaios e levarán as súas obras fóra da comarca. «É o caso do grupo de Palmou que hoxe estará na quinta Mostra de Teatro Afeccionado de Ames. É un dos grupos máis vellos da escola, leva nove anos e xa tivo varias saídas fóra da comarca. Levamos tres anos acudindo a mostras e estivemos tamén en Antas de Ulla nos Campamentos de Teatro. Son experiencias moi interesantes, pero dos que coñezo o de Vedra é cecais un dos máis importantes».

Precisamente debido ao interesante que resultan este tipo de encontros, dende a escola lalinense se traballa na posibilidade de contar cunha mostra de teatro afeccionado. «Levamos tempo pensando en facer encontros teatrais en Lalín e no noso blog, que é esmutelin, está aberto a todos aqueles de desexen poñerse en contacto con nós. Animamos tamén as escolas e os grupos de teatro afeccionados a que contacten con nós para estudar a posibilidade de facer intercambios. É un xeito excelente de intercambiar coñecementos e experiencias entre uns e outros. A verdade é que as formacións novas sempre se implican moito neste tipo de actividades. Traballamos nesta idea que poderá ir tomando corpo co tempo».