Nesta conmemoración do centenario do nacemento do artista as fundacións Barrié e Laxeiro editarán dous libros
09 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O centenario do nacemento de José Otero Abeledo, Laxeiro, non é unha efeméride calquera. Proba delo é o feito de que dúas importantes fundacións galegas: Barrié e Laxeiro decidisen sacar á luz sendas publicacións sobre o artista de Lalín.
A Fundación Pedro Barrié de la Maza xa anunciou a celebración dun par de exposicións nas súas sedes de Vigo e A Coruña, ademais da edición dun catálogo sobre a extensa e prolífica obra do pintor dezao. Mesmo xa se avanzaron as datas en que se desenvolverán as actividades. Así a mostra Laxeiro. La lógica de lo irracional se amosará ao público do 27 de marzo ao 1 de xuño nas sedes viguesa e coruñesa; pero previamente o 13 de marzo será cando se presente en Vigo o catálogo Laxeiro. José Otero Abeledo (1908-1996) . Unha publicación na que se recollen 1.468 obras que foron feitas por Laxeiros entre 1920 e 1996, e que están ordeadas de xeito cronolóxico. Unha obra que abrangue traballos que proceden de coleccións privadas e mesmo de institucións nacionais e internacionais; entre as que se pode salientar o Museo de Arte Moderno de Buenos Aires e o Centro Galego de Bos Aires.
Pero a conmemoración do centenario do nacemento de Laxeiro non remata aí. A fundación que leva o seu nome, e con sede en Vigo, abriu a exposición Debuxos inéditos VI. Anatomías , que se poderá visitar ate o 4 de maio na sé da cidade olívica. Por outra banda, no vindeiro mes de novembro podería presentarse o catalógo universal e no que quedará plasmada toda a producción artística do pintor, segundo explicou o director da Fundación Laxeiro Javier Pérez Buján na presentación dos actos de conmemoración do centenario que pón en marcha a institución. Pérez Buján salientou tamén que preto de tres mil escolares participarán en actividades que baixo o título de Coñece a Laxeiro se lle proporán aos alumnos de Primaria e Secundaria. A fundación está traballando na renovación da súa imaxe corporativa e na web e tamén anunciou a realización dunha metraxe en clave poética sobre a vida do artista nado en Donramiro, que realizará o vigués Diego Santomé.
Lalín tamén se suma a esta conmemoración e onte noite abriuse no Museo Ramón María Aller a exposición Laxeiro e amigos , na Colección Caixanova que poderá visitarse ate o 9 de marzo. Unha mostra no que o público pode contemplar os Pescadores e o Desnudo de Colmeiro, os Contrabandistas pasando la frontera de Eugenio Granell, o Bodegón con zapallo de Luis Seoane, O Home da cunca de Isaac Díaz Pardo ou a Cencerrada e os Músicos , de Laxeiro.