O Balonmán Portadeza Lalín de Primeira Nacional A non superou onte con éxito a complexa visita do Boadilla madrileño. Os dezanos perderon por 26-31 ante un Atlético Boadilla que dende onte é áinda máis líder no campionato ligueiro. O Lalín chegaba ao partido coa presión de situarse a catro puntos do líder do campionato e cunha marxe de só dous puntos respecto ao Chapela. En fronte, o Lalín tiña a un Boadilla coa tranquilidade de contar cun colchón de catro puntos que lles permitía enfocar o choque con sen apuros.
Ao igual que a semana anterior na cancha de O Rosal, o desatino dos homes de Budi de cara á portería contraria condeou inexorablemente ao Lalín a deixar escapar os puntos en xogo. Dende o minuto un, explicou Budi, o Boadilla atopouse cómodo na pista do Coto Ferreiro mentres o Portadeza non atopaba o seu sitio. O plantel que prepara Juan Hernández amosouse contundente arroupado por un gran porteiro. «Ao noso lado eles case parecían todos internacionais», abundou Budi.
A pesar de concluír a primeira metade co marcador en contra, o Portadeza Lalín chegou a empatar no segundo tempo coincidindo cun baixón dos madrileños, pero novamente os erros en ataque cortaron calquera opción de vitoria para os do Deza. «Non se gañan partidos cando estás tres minutos defendendo e consigues atacar e erras», lamentaba onte Budi.
O choque de onte tivo ademais varios paróns por causa dalgúns problemas para controlar o marcador automático, e con algúns problemas do porteiro visitante coa portería.
Á hora de buscar explicacións ao desatino que o Lalín experimentou onte, e que sucede aos erros ante o Novás, Budi destacou que «cando cometemos tantos erros xa non sabes que pensar», e lembrou que «onte aínda que tivemos algúns problemas cos pivotes, non fixemos un partido tan malo en defensa como outros». Aínda que o adestrador dezano lembrou que o equipo leva dúas semanas con barullo nas sesións de adestramento por mor dos pavillóns, dixo que «non podemos poñer peros, porque os erros son nosos».
Queda Liga
Coa derrota do Portadeza onte, os lalinenses apuran aínda máis a cabeza do campionato ligueiro. O Boadilla presúmese xa imparable cunha diferenza de 6 puntos a favor, mentres o Lalín ten agora no Chapela de Fran Teixeira ao seu máximo rival na loita polos postos que dan acceso á fase de ascenso. Tralo choque de onte o Portadeza segue ostentando o segundo posto da táboa, pero faino empatado a 22 puntos co Chapela, que onte gañou ao Valladolid.
Tralo encontro de onte, Budi manifestaba que aínda queda Liga, e que o Lalín continúa a depender de sí mesmo. «Agora o que toca é esquecerse disto e centrarse para levantar o equipo de novo». Respecto do pavillón estradense, Budi indicou que «foi unha delicia xogar aquí co pavillón cheo».