Unha ducia de actores do grupo estradense de teatro Os Tirinautas voltaron subir onte ó escenario do Principal da Estrada. Coma sempre, colleitaron un longo e pechado aplauso. Desta vez foi un aplauso especial. Non houbo función previa. Non houbo atrezzo nin houbo maquillaxe siquiera. Os actores subiron a cara descuberta. Sen disfraz nin guión aprendido. Recollían o premio ó seu esforzo pola normalización da lingua galega, concedido pola asociación cultural O Brado. Habanera e Himno galego. O acto foi todo el unha exaltación de galeguidade. A Coral Polifónica Estradense abreu as intervencións coa interpretación da habanera Cen anos hai e pechounas cun Himmo galego con todo o auditorio en pé. Os actores do grupo Os Tirinautas non quixeron colleitar nin un aplauso sen dramatizar un anaco. Despois de recoller o seu galardón -unha escultura do artista Manolo Vilha-Verde- lembraron algunhas das frases máis sonadas da súa traxectoria mentres pasaron o testigo-escultura de man en man. A cadea comezou con Fran Ameijeiras, o trasno do musical Robin Hood , e rematou con José Manuel Rodríguez Puente, Isi , «O rei da comedia». Polo medio, caras de sempre como Ana Puente ou Chelo do Rejo . Xa van alá dez anos desque Os Tirinautas comezaron a súa andaina. «Xa choveu pero, co cambio climático, chove menos», comentou Isi . Os actores dedicaronlle o seu trofeo e o seu aplauso de onte a toda a xente que foi ó teatro durante os últimos anos e que nunca se cansou de aplaudirlle a eles. Como exemplo, aquela Ensalada de mosquito que colleitou unha ducia de cheos consecutivos no teatro Principal.
Os outros premios de O Brado foron para un xornal en galego e para o estradense Xosé Lueiro, director de Os Tirinautas e da escola de teatro municipal, culpable da devoción estradense pola arte dramática e creador da productora A Contrabutaca. Lueiro aproveitou a súa intervención para agradecer ó público local que rache a tendencia xeral ó divorcio do teatro cos espectadores e para pedirlle ós políticos que apoien económicamente a producción teatral.
Lueiro non para de colleitar éxitos. A primeira producción profesional de A Contrabutaca, o musical infantil Robin Hood , ten xa pechadas unha trintena de actuacións. A primeira será o día 4 de xaneiro en Arteixo. A xira continuará ata finais de maio. O musical será promocionado nos circuitos de Caixanova e da Rede galega de teatros e auditorios. O 1 de marzo estrearase no teatro Calderón de Madrid. Pola súa banda, o grupo da escola municipal repetirá o musical Grease o día 30 ás 19.00 horas no Principal.
A residencia de Cruces tamén estivo onte de festa. A súa non era lingüística, senón interxeneracional. Vintedoús nenos de cinco anos do colexio da Piedade compartiron contos e cantigas cos maiores do centro.