Foros abertos á reflexión

Amelia Ferreiroa

DEZA

A problemática da violencia de xénero, dende distintas ópticas, está a ser tratada no foro que se celebra en Lalín

10 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

No Auditorio Municipal de Lalín arrancou onte o Foro Social contra a Violencia de Xénero, que organiza a Concellería de Igualdade do Concello de Lalín, e que foi inaugurado pola concelleira de Igualdade Paz Pérez. Ao longo de dúas xornadas tratarase ista lacra dende diversas ópticas e ámbitos de actuación. Pepa Horno, responsable de Programas de Violencia e Infancia da Ong Save the Children, levou a cabo o relatorio inaugural que versou sobre as repercusións da violencia de xénero. De seguido foi o profesor titular de Psicoloxía Xurídica e director da Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago, Ramón Arce, quen se dirixiu aos asistentes a este foro que continúa hoxe, a partires das dez da mañán.

A segunda xornada do foro comenzará pois cunha conferencia da fiscal de Violencia de Xénero en Vigo, Enma González, quen fará unha radiografía dos xulgados de violencia de xénero que existen en Galicia. Posteriormente haberá unha mesa redonda sobre os protocolos de actuación policiais e sanitarios en situacións de violencia de xénero, na que participará María Ángeles Hermida e Isabel Graña. O foro pecharase con outra mesa sobre os homes e a violencia de xénero, á que se prevé asistan representantes do colectivo Homes Galegos pola Igualdade. A profesora Mercedes Olveira Malvar pechará as ponencias, disertando sobre a visibilización dos abusos sexuais.

E despois dunha xornada de descanso, o luns arrancarán outras xornadas: as primeiras de formación sobre igualdade e democracia paritaria que organza a Asociación Socio-Cultural Manuel Ferreiro de Lalín, que se celebrarán tamén no auditorio lalinense. Para a presidenta do colectivo, Soledad Sánchez, «coincide todo ben. As nosas xornadas son coma unha continuidade do foro do Concello, imos analizar aspectos distintos. Nós falaremos máis da introdución da muller ao traballo e salientaremos os aspectos das dúas leis que regulan dita incorporación». A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e o delegado provincial de Traballo inaugurarán as xornadas o luns ás 16.45 horas. Rosa Escapa, Mabel Pérez e Carmen Brea falarán, nunha mesa redonda, da situación das mulleres no ámbito laboral. Pola tarde se debatirá sobre a paridade e a realidade local, noutra mesa redonda que contará coa presenza de Paloma Rodríguez, Carmen Vieites, Begoña Castro e José Vázquez Portomeñe. Máis de corenta persoas de varios puntos da provincia de Pontevedra e de fóra xa solicitaron certificado de asistencia a unhas xornadas abertas ao público.