O Rugbi Lalín feminino volta mañá á competición

La Voz

DEZA

Pouco a pouco van botando a andar todas as competicións oficiais. Mañá tocaralle o turno ao campionato autonómico de rugby en categoría feminina, no que logo de tempadas de ausencia, volve participar o Rugbi Ibaser Lalín. O club dezano puxo de novo en marcha unha sección feminina que tomará parte na Liga autonómica xunto con outros catro equipos: Universidade de Vigo, Universidade de A Coruña, Mareantes e Universidade de León.

O plantel feminino do Rugbi Lalín, adestrado por Rubén Varela, comezará maridando veteranía e xuventude, posto que das 20 xogadoras que integran o equipo, algo menos da metade conta con experiencia sobrada en competición. Dentro do bloque do Lalín feminino xogan oito xogadoras chegadas do ARV Ourense, entre as que está a lalinense Rocío García Eiras; das 12 restantes, a meirande parte son de Lalín, e tan só tres ou catro participaron no último proxecto feminino co que contou o Rugbi Lalín, explicou García Eiras.

A competición

Mañá ás 16 horas no campo de Barcia desputarase o primeiro encontro oficial da tempada para o Ibaser feminino, que se enfrontará ao Universidade de Vigo. Aínda que a priori se poidese pensar que os obxectivos do plantel dezano deberán ser humildes ao estar comezando, os compromisos de pretempada fan presaxiar un campionato emocionante. «En principio o obxectivo que nos marcabamos era simplemente participar na Liga, pero despois de desputar un triangular con Vigo e Pontevedra, e gañar os dous encontros, iso fainos replantear as metas», recoñeceu Rocío. A pesar de que o equipo dezano comezou a adestrar en setembro, o traballo das xogadoras está a dar notables rendementos, e poderían dar a sorpresa da tempada. «A meta segue pasando por consolidar o equipo, e que continúe para o ano, pero imos tentalo todo», adiantou Rocío García Eiras.

A chave do bo funcionamento do Rugbi Lalín dende que comezara a adestrar o 17 de setembro, agóchase, para Rocío, na veteranía que aportan parte das xogadoras, «no triangular as xogadoras que comezaban foron unha auténtica sorpresa, porque víanse con moitísima decisión, supoño que por atoparse apoiadas por veteranas», considerou a xogadora internacional.