O departamento silledense sacará unha campaña divulgativa dos servizos que brinda o CIM ás mulleres
07 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A concelleira de Servizos Sociais do Concello de Silleda está agora mesmo traballando en varios proxectos, con temáticas diferentes. Encima da mesa está achegar o CIM a máis mulleres.
-O Centro de Información ás Mulleres de Silleda foi o pioneiro da zona, ¿é preciso divulgalo aínda máis?
-Nunca sobra informar. É certo que o CIM de Silleda foi pioneiro. Púxose en marcha no ano 1985, no mes de setembro, e por aquel entón prestaba servizo a todas as mulleres da comarca de Deza. Na actualidade só se atenden, no centro silledense, ás do municipio e ás de Vila de Cruces e Agolada. A nosa intención é promocionar máis o centro, e que todas as mulleres saiban que existe e coñezan os servizos que nel se brindan.
-Como prantexan a campaña divulgativa?
-Temos previsto enviar unha carta ás mulleres dos tres municipios para informarlles sobre os servizos que presta o Centro de Información ás Mulleres. Por suposto que lles faremos chegar a información tamén ás mulleres de Agolada e Vila de Cruces.
-Un centro que, por certo, mudou de ubicación...
-Era unha necesidade. Ate agora as tres profesionais que atenden o CIM compartían espazo, pero agora teñen unha nova ubicación no Centro para Maiores. Alí dispoñen de sitio suficiente para atender ás persoas que se achegan ao centro na búsqueda de asesoramento e información.
-Cal é a petición máis recurrente?
-No Centro de Información ás Mulleres aténdese cuestións de diversa índole. Non só van ao centro ás que sofren malos tratos, tamén se tenta buscar axuda á hora de solucionar certos problemas cos fillos, mulleres que buscan traballo... Salientar tamén que no mesmo Centro para Maiores contamos coa oficiña da educadora, á que acoden os cativos que presentan algunha problemática de aprendizaxe.
-Outro dos temas no que está a traballar e na integración de emigrantes, ¿en que vai a consistir?
-Vicepresidencia acaba de outorgarnos unhas axudas para mellorar a integración dos nosos emigrantes. Recibimos 4.000 euros que empregaremos na posta en marcha dunhas xornadas de formación e comprensión do idioma. Estamos a falar dunhas clases que irán dirixidas a cativos. Contamos con outra axuda, de mil euros, tamén de Vicepresidencia que se empregará na posta en marcha dunha actividade de integración lingüística para mulleres. Imos mellorar a integración dos emigrantes locais.
-De que nacionalidade son os emigrantes que viven en Silleda?
-Temos un pouco de todo, como ven sendo normal en calqueira vila, pero actualmente temos moitos rumanos e sudamericanos.
-Os maiores tamén teñen unha cita festeira...
-Non pode faltar o magosto e o baile. Imos celebralo hoxe, ás 20 horas, no pavillón 2 da Semana Verde.