Apocalípticas ou integradas

La Voz

DEZA

11 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Os anos setenta foron moi malos. Tanta resaca do flower power , tanta liberación sexual polos festivais, tanta inxenuidade dos sesenta deu na separación dos Beatles e na crise do petróleo. Por xunto. Foi demasiado para quen pensaba que se tiñas unha furgona e unha guitarra o mundo estaba arranxado.

Pero non estaba, claro. As mulleres apandaron cunha parte pouco amable do proceso porque despois de que alguén cantara the dream is over as féminas tiveron que volver a unhas trincheras que estaban só a medio cavar. A liberación das mulleres dos sesenta foi, sobre todo sexual, e vista así como na distancia foi unha liberación moi masculina.

Os setenta serviron de escenario para unha polarización da presenza feminina na sociedade, unha polarización que respondía a unha situación social de inestabilidade e na que se activaron desde a profundidade da crise varias das revolucións pendentes desde o final da Segunda Guerra Mundial.

A feminista era unha delas e a mostra do Centro Galego de Arte Contemporánea pasa revista a algúns dos discursos xerados pola arte nos últimos anos sobre unha guerra de posicións que se moven con lentitude e que, en moitos dos casos, só afecta a criterios comunicacionais.

Desde puntos de vista diferentes a exposición especula sobre o papel da muller aceptando unha superposición excesivamente común: o papel social da muller e o reflexo que este ten nos medios de comunicación é a mesma cousa. En certo sentido, o xogo artístico de reanimar páxinas vellas de revistas para facer obvio o carácter obxectual con que se trata á muller é a continuación do discurso e a limitación do debate aos elementos comúns.

A outra fronte na que se estende a mostra ten que ver coa dupla iconografía que os setenta exhibiron aínda que fose de xeito involuntario. Por unha banda, a reafirmación de determinados roles de muller educada pero integrada nunha sociedade entendida como masculina, adicada a facer do seu espazo doméstico un territorio do burgués. Por outro lado algunhas propostas de liberación atravesadas de posibilidades. Os 70 foron tempos difíciles porque nada do previsto servía para andar. Os discursos son fillos de cada tempo e na mostra queda claro que nos 70 os discursos se cruzaron de xeito inevitable pero non necesariamente revelador para saber que ser muller non é unha profesión.