«Vexo a cousa un pouco parada no rural, pero aínda se farán proxectos»

O. P.

DEZA

Manuel Blanco Carballude segue nos últimos meses a política municipal dende fóra, logo de 16 anos como edil do PP en Lalín (1991-2007).

-Como se ven os debates dende fóra da corporación?

-Vexo que está o ambiente máis tranquilo que antes. Os plenos e a política ponse máis brava cando chega a campaña electoral.

-Bota en falta a participación nas xuntas de goberno ou nos plenos?

-Non. O que se bota de menos son os compañeiros. Eu tiña bo entendemento ata coa oposición, canto máis cos compañeiros do grupo de goberno. Aínda nos vemos, e temos que botar algunha partida agora que veñen as noites grandes. Teño bos recordos de todos, pero con Antonio Rodríguez, José Luis do Corpiño, Agustín López e Pepe Iglesias, e con Toño de Vilatuxe -que tiña menos tempo- estaba máis: se había que ir comer un pulpo, ibamos todos xuntos.

-Vostede representaba á zona rural, pola que apostaron todos os partidos na última campaña: será realidade esa aposta ou promesa electoral?

-De aquí adiante non sei. Neste momento vexo a cousa un pouco parada, aínda que non tiveron moito tempo de poñerse a traballar. Non vexo moita actividade nin novos proxectos, pero aínda os farán. Eu sempre representei á zona rural, e gustábame facer obras na miña área. Gústame que se fagan cousas, e sempre apoio o que podo. Agora estamos preparando a Semana Cultural de Cercio.