«É unha honra participar con Unicef en algo benéfico»

Amelia Ferreiroa

DEZA

O pintor silledense donou un cadro para a mostra benéfica do Lérez e, dende hoxe, a súa obra pode verse en Frankfurt

10 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

De súpeto, e sen agardalo, responsables de Unicef -a axencia de Estados Unidos que ven traballando arreo para dar cumprimento aos dereitos da infancia- se puxeron en contacto co artista silledense para que colaborase nunha actividade benéfica.

-En que consiste exactamente a actividade?

-Unicef organiza unha exposición benéfica de carácter bienal, que se chama Artistas con Unicef, e que nesta ocasión se celebrará dende o 24 de novembro ao 20 de decembro na Sala Teucro da Delegación de Cultura de Pontevedra e na que eu participarei cun cadro.

-Que traballo escolleu para a ocasión?

-É un cadro realizado a pastel sobre papel, que se titula Catro irmáns . É moi sinxelo. É unha maceta rota, con pouca terra, na que están a medrar catro flores altas -de distintos niveis- pero que están pouco desarrolladas. Quixen representar a fraxilidade da infancia, a través desas catro flores indefensas que despuntan desa maceta con escasos nutrintes. A verdade é que é unha honra participar con Unicef en algo benéfico, e agardamos que se vendan todos os cadros xa que o importe total irá a parar á organización. Se non fose así, recuperariamos os lienzos.

-Pero, dende hoxe mesmo a súa obra está tamén presente en Frankfurt...

-Recibín unha invitación da delegación en Europa da Batik Internacional Art para amosar dúas obras no pavillón de arte da 59 edición da Feira do Libro de Frankfurt, e alí permanecerán ate o día 14. É unha mostra na que participamos un total de vintecinco artistas.

-Como xurdiu o participar nesta exposición?

-A raíz de que aparezo no libro Guía de Arte 05, segundo me comunicaron dende a entidade telefónicamente.

-Unha Guía de Arte 05 que acaba de saír á luz...

-Foi editada moi recentemente, pero xa foi presentada en varias cidades de España nas que se aproveitou para realizar exposicións colectivas con obra dos autores que estamos incluidos neste extenso libro. De feito, o pasado día 5 de outubro mesmo se fixo unha presentación desta publicación na cidade francesa de Beziers e inaugurouse tamén unha mostra pictórica, que segue aberta ao público ate o día 20.

-Fondevila leva un ritmo importante de mostras fóra da zona pero, ¿para cando unha exposición na comarca?

-Falar de datas non é nada doado. Non sei, ao mellor para o vindeiro ano expoño na comarca. Xa veremos como se van desenrolando os acontecementos ate entón.