Os que xogan o seu segundo encontro oficial da tempada son os xogadores do plantel de Segunda Nacional do Portadeza. O equipo que prepara Alberto Miguélez recibe ás 18 horas no pavillón municipal de Lalín ao Ribeiro no encontro correspondente á volta de oitavos da Copa Federación. Os dezanos parten con certa vantaxe logo de gañar o pasado sábado na cancha de Ribadavia por 25-27.
Alberto Miguélez ía agardar á última sesión de adestramento de onte para coñecer con certeza os homes dos que disporá esta tarde, posto que en principio varios dos efectivos cos que contou no partido de ida ían viaxar co equipo de Budi. Miguélez opina que o primeiro encontro oficial do seu equipo se saldou cun bo traballo dos seus homes, se ben considera que o plantel ten que seguir mellorando defensivamente e corrixindo o traballo a nivel de lanzamentos.
Sen partido dos xuvenís
Os que descansarán esta tarde son os xuvenís de Manolo Pedreira. A principio de tempada o Cinse inscribiu dous equipos na competición, pero finalmente só foi capaz de confeccionar un plantel, co cal o Portadeza non poderá medirse esta tarde ao segundo equipo.