En Cerceda comezan hoxe actividades de rúa, concertos, conferencias e exposicións de artistas cataláns e galegos
07 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O lalinense Xaime López Villar leva anos residindo en Barcelona, pero non se esquence de Galiza e unha das súas grandes teimas é seguir propiciando intercambios culturais entre Cataluña e Galiza.
-Antes deste encontro, que arranca hoxe en Cerceda, xa houbo outras experiencias semellantes...
-En Barcelona queriamos facer unha actividade de intercambio con Galiza e, no 2003, puidemos levar a cabo unha actividade moi interesante nun barrio periférico, marxinal da cidade onde eu estou a traballar. Foi un enorme éxito, contamos coa participación de Mercedes Peón, Os Diplomáticos, tivemos circo... Fixemos a segunda Foliada en Barcelona, como a que se facía en Lalín, con grupos galegos e cataláns e agora era momento de que nós nos desprazaramos ate Galiza.
-Para devolver as visitas?
-Quixemos devolverlles o favor dalgún xeito a todos aqueles grupos que nos acompañaron noutras ocasións en Barcelona.
-Por qué escolleron Cerceda para celebrar o encontro?
-É un pobo no que os veciños e a xente nova leva anos padecendo os problemas da central de Meirama e da planta de Sogama, é o lixo que tén Galiza e non está de máis lembralo. En Cerceda antes se facía unha actividade semellante á que organizamos pero o concello non estaba moito pola laboura e desapareceu. Por todo iso decidimos facer o encontro neste pobo coruñés.
-E, en qué consistirá?
-Haberá música, circo, teatro... Cento cincoenta personas veñen en avión dende Barcelona para actuar neste intenso fin de semán. Contaremos tamén con grupos de aquí e convidamos á xente da Algarabía de Lalín para que nos acompañen tamén.
-Por qué invitaron aos da Algarabía?
-Eu coñezo a Algarabía, participo nela todos os anos e sei do traballo e da ilusión coa que se organizan as actividades todos os anos. Dalgún xeito é tamén un recoñecemento á Asociación O Naranxo pola súa traxectoria. Logo queremos levar a Algarabía de Lalín, a súa xente, a Barcelona. A intención é que fose en outubro pero haberá que estudar todo, claro. Nós poderiamos devolver a visita e estar en Lalín cando se celebrase aquí a Algarabía. Sería un intercambio moi interesante, seguro.
-Cómo se costea un programa desta índole?
-Con tempo, traballo, colaboracións e autoxestión. Click Air e Monbús nos axudou nesta iniciativa, nós puxemos o noso tamén e os veciños de Cerceda implicáronse todos nesta actividade, cada quen co que puido.