Os locais e a sala de gravación que se están a habilitar na Casa da Xuventude estarán listos para o mes de outubro
29 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Dentro de aproximadamente dous meses os grupos de música lalinenses poderán ter acceso aos locais de ensaio e gravación que se están a construir nas instalacións da Casa da Xuventude de Lalín dentro do programa da Rede galega de locais de ensaio. A Dirección Xeral de Xuventude, dependente da Vicepresidencia da Xunta e que dirixe Rubén Cela, anunciou o pasado mes de maio a elección de Lalín como unha das vilas seleccionadas para a ubiación dun local de ensaio que poñer a disposición dos grupos locais.
Despois de que se iniciaran as obras, onte o director xeral de xuventude, Rubén Cela, indicou que o remate das reformas está previsto para finais do vindeiro mes de outubro, co cal para esa época se agarda que os grupos musicais lalinenses xa poidan acudir á Casa da Xuventude a ensaiar.
As reformas
Tal e como se anunciara no mes de maio, as obras de mellora que se están a levar a cabo na Casa da Xuventude lalinense para a posta en marcha dos locais de ensaio, concretaranse en dúas salas destinadas ao ensaio dos grupos, así como unha sala pensada para que os grupos locais poidan levar a cabo as súas propias gravacións.
No seu momento, Rubén Cela anunciara un investimento de 59.921 euros nas obras a efectuar en Lalín, e que incluían diversas melloras para facer o espazo accesible a persoas con movilidade reducida, habilitando dese xeito unha plataforma para salvar os chanzos que dan acceso á zona na que se sitúan as salas de ensaio, así como un aseo adaptado.
A memoria presentada no mes de maio para os traballos recollía tamén a colocación de tabiques e falsos teitos, unha nova carpintería de alumiño, así como a eliminación das rellas metálicas da parte exterior do local.
Onte, personal que está a traballar nas obras de reforma da Casa da Xuventude explicaba que os traballos de albanelería están practicamente rematados, e agardaban concluilos entre hoxe e mañá. As labores de tabicado xa se levaran a cabo en días pasados, e agora, dentro das súas funcións, só resta o aillamento do chan. A continuación, explicaron, chegará o turno para os responsables dos traballos de carpintería e cristalería. Todo, para que dentro de dous meses estén listos os locais.