lalín | Acabáronse as vacacións. O Club Deportivo Lalín retorna hoxe ao traballo logo dunhas semanas de descanso para os xogadores, e de traballo para o corpo directivo. Os dezanos inician a pretempada ás 19 horas no Manuel Anxo Cortizo con caras novas, ilusións renovadas, e sobre todo, con traballo. José Manuel Alonso Acevedo ten moi claro que «vamos a trabajar con seriedad y exigencia». O técnico roxinegro concibe a pretempada como un período «importantísimo», e no que ten que predominar a esixencia e a dureza.
Con 38 partidos de Liga por diante, o técnico asturiano do Club Deportivo Lalín ten moi claro que hai que comezar a tempada ao cen por cen. Para elo, Acevedo ten previsto un plan de traballo que incluirá durante as vindeiras semanas un ritmo de adestramentos alto con vistas a chegar en plena forma ao inicio da campaña. O técnico sabe que para o Lalín é vital «llegar en las mejores condiciones a la primera jornada de Liga». Deste xeito, Acevedo ten previsto impoñer un ritmo de preparación alto ata a última semana da pretempada, cando rebaixará algo o nivel de esixencia con vistas a que os xogadores se atopen ben para o primeiro encontro.
Acevedo ten pensado para o vindeiro mes adestrar coa plantilla todos os días da semana, así como os sábados pola mañá, se ben todo dependerá dos compromisos de pretempada.
A plantilla
Esta tarde Acevedo atoparase no Manuel Anxo Cortizo con vellos coñecidos, e algunhas caras novas. Na portería o técnico dezano disporá de Iván Parada e Iván; como defensas continúan Suso, Toño, Martin, Valeiras e Luís Carlos, aos que se suman o xuvenil Antonio, que ascende este ano, e o valenciano Quique Jurado. No medio do campo estarán Nando, Manu, Cea, o xuvenil Adrián e o portugués Marcio. Para a punta Acevedo disporá de Matelo, Gustavo, David Soarez e Dani Méndez. Ademáis, varios xogadores portugueses teñen previsto facer a pretempada co conxunto de Terceira, ao igual ca Pablo, procedente do Silleda, e varios xuvenís de Román: Jacobo, o porteiro Rafa, Quinteiro e Víctor.
Aínda que Acevedo quere agardar a ver como evoluciona a pretempada, o adestrador recoñece que unha das incorporacións que lle virían ben ao equipo sería un lateral.
O vindeiro venres o Lalín 2007-2008 terá o seu primeiro compromiso de pretempada nun torneo disputado en Arteixo, e no que se enfrentará ao equipo anfitrión.