| O |
11 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.LALÍN VIVÍU o pasado martes unha nova xornada para recordar dentro da nosa historia contemporánea. A incorporación do noso concello á asociación transfronteiriza Eixo Atlántico supón formar parte da primeira división que conforman os concellos máis importantes de Galicia e o norte de Portugal, ao tempo que formar parte dun lobby de xestión para temas supramunicipais con gran poder para condicionar as decisións tanto da Xunta de Galicia como dos gobernos nacionais. A evolución que está a producirse dentro das relacións internacionais provoca que na actualidade, e con máis incidencia no futuro, teñan máis importancia os contactos e as interaccións de Lalín cos concellos de norte de Portugal que con outras rexións españolas, como Castela e León ou Asturias. O Eixo Atlántico permite establecer unha simbiose de proxectos que poden beneficiar aos concellos que forman parte desta entidade nambas beiras do río Miño, entre os que destacan os galegos de A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e Monforte, e os portugueses Porto, Braga, Viana do Castelo ou Guimaraes, entre outros. Deste listado, pódese deducir a importancia de formar parte desta entidade intermunicipal, sobre todo tendo en conta que pertencemos a un concello do interior de Galicia e son moi poucas as localidades desta zona que poden amosar con orgullo a súa pertenza ao Eixo Atlántico. Lalín súmase a unha entidade que traballa especialmente na consecución de melloras en materia de infraestructuras, equipamentos socioculturais e sobre todo políticas de dinamización en todos os ámbitos, pero especialmente no eido do turismo, sector que no noso concello vai coller unha importancia capital dentro do noso desenvolvemento económico. A loita para que Lalín formara parte desta asociación transfronteiriza iniciouse hai máis de seis anos, sendo daquela presidente da mesma e alcalde de Vigo Manuel Pérez. Coa aprobación o martes pola Asamblea Xeral do Eixo Atlántico da nosa inclusión, vemos alcanzado un obxectivo que cando falei por primeira vez del reíronse de min. Este logro, no que participamos todos os lalinenses, demostra que fai máis quen quere que quen pode. Recordo que cando fixen a solicitude o Eixo Atlántico estaba integrado practicamente na súa totalidade só polas grandes cidades de Galicia e o norte de Portugal, e máis de un alcalde comentoume que Lalín non era Manhattan e non o é: Lalín é Lalín e está feito só por lalinenses con un sano orgullo. A partir dagora, vanse ver unha serie de planificacións estratéxicas e de influencia nos distintos gobernos autonómico e nacionais, nas que Lalín vai participar de pleno dereito, con voz e voto, e que beneficiarán aos nosos veciños en igualdade de condicións que os residentes nas grandes urbes de Galicia e o norte de Portugal. Entramos nunha nova etapa ampliando os nosos horizontes.