Martin continuará no C.D. Lalín, e De Bessa pecha esta noite o capítulo de renovacións
DEZA
?artin Wolfswinkel xogará unha tempada máis nas filas do Club Deportivo Lalín. O central holandés confirmou onte a súa continuidade no equipo roxinegro, logo de desbotar, segundo sinalou, unha oferta dun equipo de Terceira División do sur de España e varias propostas procedentes da Segunda e da Terceira categorías do seu país de orixe. Deste xeito, Martin convértese no primeiro xogador en darlle o si a Amandio De Bessa, que esta noite, no derradeiro adestramento da tempada do C.D. Lalín, saberá con que xogadores do actual plantel poderá seguir contando. O presidente do club dezao lembrou onte que «eu lles fixen unha oferta de renovación a tódolos que remataban contrato», agás aos descartados Dani Pérez, Albor, Luis Pajín, Villa e Cañete. En total, nove xogadores. De Bessa tamén quixo deixar ben claro que «a todos eles lles propuxen unhas cantidades, e de aí non me paso. Ou tómano, ou déixano». Pechar o plantel este mes E é que o mandatario roxinegro quere despexar canto antes o número de baixas no plantel para así comezar canto antes a fixar e executar o capítulo de fichaxes. Unha pretensión do adestrador do C.D. Lalín, José Manuel Alonso Acevedo, que considera que «el equipo debería quedar definido al 80-85% en este mes». «Sin prisa, pero sin pausa», Acevedo salienta que «cuanto más tardemos en concretar las incorporaciones, los jugadores serán más caros», e non por iso mellores, como xa puido comprobar o C.D. Lalín nas dúas últimas tempadas. Na súa liña, o técnico asturiano pretende contar cun plantel non demasiado amplo, dun «máximo de 20 efectivos» incluído un Dani Méndez en fase final de recuperación. Con eles comezará a pretempada «no más tarde del 25 de julio», adiantou.