En directo | Celebración do Día das Letras Galegas A Estrada celebrou o 17 de maio cun reparto de libros, un manifesto pola lingua e a entrega do premio de poesía Avelina Valladares nunha alameda ateigada de políticos
17 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.A Estrada celebrou onte o día das Letras Galegas cun feixe de actos con epicentro nos xardíns municipais, tinguidos de todas as cores políticas por obra e arte das eleccións municipais. A Banda de Gaitas de Barbude abreu as celebracións cun recital máis longo do previsto por mor da espera pola gañadora do premio de poesía Avelina Valladares, que botou media hora perdida polas estradas da comarca e visitou accidentalmente A Anllada antes de chegar á alameda. Entrementres, o público entretívose facendo acopio de libros en galego nunha morea que o Concello deixara nun banco coa intención de repartir de balde un pouco de cultura galega con selo local. Arredor das 13.30 horas comezou o acto coa lectura dun manifesto pola lingua pronunciado polo xornalista local Xosé Rodríguez Gómez, que lembrou que atrás quedan os tempos do «no sea usted bárbaro, hable usted castellano». Rodríguez referiuse ó galego como «idioma mensaxeiro, de amor e de escarnio» e felicitouse porque «agora o pobo vive en galego e existe un ciberespacio en galego». «O lacón con grelos cocíñase en galego, pero tamén os fogóns da alta cociña chispean en galega», sinalou. «Lede en galego, falade en galego, soñade en galego, vivide en galego, sentide en galego, progresade en galego», animou ó auditorio. De seguido, a poetisa gañadora do Avelina Valladares, María Lado Mariño, recibiu o seu premio lembrando que para ela ten un valor engadido e explicando por que. Antes de coñecer a obra da cantora da Ulla e o seu premio literario, María Lado xa participara, coa súa amiga, a poetisa estradense Antía Otero, nun recital na casa de Avelina Valladares. María Lado explicou que Nove - o poemario gañador- é «un libro que tiña moita gana e moita necesidade de escribir» e que «reflexiona sobre a dor como exilio». A escritora de Cee non quixo rematar o acto sen agradecer tamén a espera do público «mentres me mataba pola carretera».