O C.D. Lalín aspira a zanxar a permanencia a costa do Arousa

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

O conxunto vilagarcián chega ao Cortizo nunha situación crítica Acevedo conta coas baixas dos lesionados Albor e Alberto, e do asturiano Cañete, por sanción

12 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? C.D. Lalín ten hoxe ante si a oportunidade de amarrar a permanencia na Terceira División na antepenúltima xornada de Liga. Unha ocasión que ben é certo pasa non só pola súa hipotética victoria sobre o Arousa no Cortizo (17.30 horas) , senón tamén polas derrotas ou empates en paralelo do Bergantiños e Laracha, logo do 2-2 do Cruceiro onte co Coruxo. Aínda no caso de non disfrutar de terceiros resultados favorables, o trunfo sobre o Arousa suporía para o Lalín un paso case definitivo cara a salvación. Non en van, os homes de Acevedo reciben no seu campo ao cuarto clasificado pola cola, que cunha derrota en terreo dezao quedaría sempre por debaixo do equipo lalinense ao final da Liga ao situarse 7 puntos por debaixo a falta de dirimir os 6 derradeiros puntos do campionato. O adestrador do C.D. Lalín recoñecía onte que o choque desta tarde no Cortizo «es para nosotros un partido muy importante». Nembargante, Acevedo quixo liberar os seus pupilos da presión clasificatoria, endosándolle ao Arousa a obriga de gañar, cun só punto de vantaxe sobre o colista, o Bergantiños, e a 4 da zona segura na que ata onte se atopaba o C.D. Lalín. Superar o cadro vilagarcián non será doado, sinala o preparador roxinegro. Non en van, di, «el Arousa llega en su mejor momento» -sumou 7 dos 12 últimos puntos en xogo- «y además se trata de un equipo acostumbrado a jugar en la zona baja de la clasificación». Se a isto se lle engade un plantel con bos xogadores coma «Jacinto, que la temporada pasada jugó en Segunda B con el Negreira, Fernando, Santos o Cascallar, que en su día militó en la Ponferradina de Segunda B», Acevedo chega á conclusión de que hoxe «nos espera un partido intenso, de muchos nervios, en el que el Arousa vendrá a dar el máximo». Para maior preocupación do C.D. Lalín, o conxunto vilargarcián semella ter superados os numerosos problemas de lesións que durante toda a tempada asolaron o seu curto plantel, orixe de boa parte dos males do equipo nesta Liga a piques de rematar. Así, o Arousa chega ao Cortizo co seu competitivo once titular, con Felipe na portería, Nelo, Alberto, Santos e Sierra na zaga, Juan Carlos, Jacinto e Fernando na medular, Cascallar na banda dereita e Álex na esquerda, e con Laro como referente ofensivo. Nas filas locais, os plans do preparador lalinense pasaban onte por prantar o seu equipo sobre o campo sobre un sistema en 4-2-3-1, con dúas novidades respecto ao 11 titular da pasada semana en Portonovo. Cañete, por sanción, e Albor, lesionado na cadeira no adestramento do xoves, deixan sendas vacantes cuxos relevos Acevedo prefire non desvelar ata esta tarde. Trala marcha dun Héctor Antelo que nunca contou nos plans de Gelucho e de Acevedo, e con Alberto acompañando na enfermería a Albor, o técnico asturiano anunciará hoxe os dous descartes entre os seus 18 efectivos dispoñibles.