Dono e López coinciden en que Maceira debe convocar os alcaldables A candidata nacionalista lembra a premura do caso ante os prazos da Liga Nacional
11 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?s promotores dun A Estrada F.S. en División de Prata, Manuel Sanmartín e Antonio Iglesias, saben que, cando menos, contan coa predisposición da maioría das forzas políticas locais a valorar que sexa o Concello quen avale os 76.000 euros de fianza esixida pola Liga Nacional de Fútbol Sala. Tras manter o xoves noite as correspondentes conversas con Sanmartín e Iglesias, os alcaldables do PSdeG-PSOE, José Antonio Dono, e do BNG, Raquel López, coincidiron onte en sinalar a necesidade dunha urxente xuntanza de tódolos candidatos á alcaldía da Estrada para tomar unha decisión conxunta sobre a solicitude dos dous empresarios, promotores da que, agás sorpresa, será a nova directiva do club local de fútbol sala. Dono e López están tamén de acordo en que debe ser o actual responsable da Concellería de Deportes, o popular José Antonio Maceira, quen tome a iniciativa de convocar os cabezas das cinco listas electorais, ao corresponderlle ao goberno local este tipo de iniciativas. A alcaldable nacionalista lembrou que «a nova Corporación non se constituirá ata o 16 de xuño, e desde o club nos informaron de que a Liga Nacional de Fútbol Sala lles pide o ingreso da fianza antes desa data». A súa conclusión é que de darlle luz verde ao aval municipal «teríase que convocar un pleno extraordinario xa». Pero antes «deberíamos contar cun informe do secretario do Concello no que se nos alcaren a legalidade do aval, os compromisos do Concello en materia deportiva e se é posible convocar un pleno da Corporación nestes momentos».