Non se lle deu ben ao equipo cadete do Balonmán Lalín a súa participación na loita por entrar ao Sector Galego. Os rapaces de Félix Mojón remataron oitavos ao non ser capaces de superar con éxito ningún dos encontros que lles tocou xogar na fase final territorial sur. Trala derrota xa agardada da primeira xornada fronte ao líder, o Teucro, o Portadeza tivo que medirse ao Octavio nun día malo dos lalinenses, que perderon 38-39 un encontro no que lles puido a falla de concentración. Tocoulles entón desputar o encontro pola sétima ou oitava praza do sector, e fixérono fronte ao Pabellón Orense, un equipo ao que, en teoría son moi superiores. Sen embargo, os pupilos de Mojón, tocados anímicamente trala derrota pola mínima contra o Octavio, non conseguiron a concentración necesaria para gañar o encontro, e sucumbiron ante o conxunto ourensano por un 35-25 que non fixo xustiza aos cadetes da canteira lalinense.