Medio milleiro de andorranos saborearán un cocido de Lalín

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

En dous minutos | Estreitando lazos O cociñeiro lalinense José Luis Iglesias sairá esta mañán con rumbo a Escaldes Engordany onde elaborará un cocido para cincocentos comensais. A materia prima tamén viaxa hoxe

21 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Para que un Cocido de Lalín teña o mesmo sabor fóra que aquí é preciso ter en conta a calidade da materia prima. Por iso sae hoxe con destino á vila andorrana de Escaldes Engordany unha furgoneta cargada de carnes, grelos, pan e viño. «Levamos todo. Alí só terán que por as mesas, sillas e os cubertos», explica o cociñeiro José Luis Iglesias que será o encargado de elaborar o plato. «É o segundo ano que vou a Escaldes a preparar o cocido, parece que lles gustou o do ano pasado e eu encantado de voltar. É unha sorte e unha honra que me chamaran dende a Asociación de Fillos de Lalín en Andorra para facerme cargo de todo isto». José Luis Iglesias non viaxa só, irá con outro compañeiro e en Andorra contará coa colaboración de cinco persoas na cociña para poder facer fronte ao que se lles aveciña. As cantidades dende logo poden darnos unha pequena idea do traballo que lles espera. Novecentos setenta quilos de carne de porco -no que se incluén cacheiras, soás, lacóns e chourizos-, sesenta e cinco quilos de tenreira e de carne de galiña precisaranse sesenta e dous quilos. A todo isto haberá que engadir 125 quilos de patacas, 50 de garabanzos e 171 quilos de grelos que xa foron previamente escaldados antes de seres introducidos na furgoneta. Nesta ocasión, a auga de Lalín non vai para Andorra. «É que non a precisamos. Alí estamos en alta montaña e a auga é unha marabilla. Non ocorre o mesmo en outros sitios onde fixemos o cocido e tivemos que levar a auga de aquí en bidóns. Lémbrome que cando fixen un cocido en Madrid non levei auga e non había maneira de que me collera a sustancia. Sempre digo, e repito, que é un elemento fundamental para este plato». O pan que se comerá no cocido desta fin de semana tamén será de Lalín. A previsión é que se acaben os cincoenta moletes grandes que van para Andorra. Rosquillas, tartas de améndoas, augardente e viño mencía completan a elevada cantidade de productos que se empregarán nesta degustación. Os comensais non terán filloas de postre. A razón é ben doada. «Facer cincocentas filloas é bastante inviable. Habería que facelas alí e non disporíamos de tempo para elo». A Asociación Fillos de Lalín en Andorra agarda que se encha o pabillón Gran Prat de Escaldes, onde terá lugar o evento, e ao que poden asistir un máximo de cincocentas persoas que é a capacidade máxima do recinto.