Barça e Maristas encabezarán o segundo Lalín Cup de Balonmán

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

O cadro cadete ten xa confirmados tamén o Revillagigedo e Fátima A cita dezá foi declarada este ano Torneo Oficial da Federación Europea

21 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A falta aínda de case dous meses para o remate do prazo de inscrición, o vindeiro 18 de maio, a segunda edición do Lalín Cup de Balonmán ten practicamente pechado o seu cartel cadete. E cunha única praza pendente de encher, o certo é que o torneo conta xa cunha nómina de participantes de luxo. Do 22 ao 24 de xuño os afeccionados da zona poderán ver en acción a tres das mellores canteiras de España. A do F.C. Barcelona, vixente subcampión nacional da categoría, a do Maristas de León, terceiro na última fase final do Campionato de España Cadete, e a do Revillagigedo Grupo Astur, sétimo na mesma cita. Xunto a eles estarán o C.E. Fátima de Portugal e o C.B. Lalín. O Lalín Cup de Balonmán dá deste xeito un importante salto de calidade na súa segunda edición. Algo ao que sen dúbida contribuíu a súa declaración este ano como Torneo Oficial da EHF (Federación Europea de Balonmán) para promesas. Esta concesión quedou reflectida no correspondente apartado da páxina web da EHF, www.eurohandball.com, no que figuran os torneos máis prestixiosos do continente. Unha carta de referencia que animou a numerosos equipos a interesarse polo Lalín Cup. Entre eles, o danés Virum Sorgenfry.