Xunta e Concello prevén que a gardería funcione en setembro

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

O centro abrirase no parque Lalín 2000 para o curso próximo A Secretaría Xeral de Igualdade asumirá o 80% do custe do remate das obras

14 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, visitou onte as obras da nova gardería municipal do parque empresarial Lalín 2000. Acompañada por Xosé Crespo, Adán puido comprobar as necesidades que presenta o edificio co obxectivo de elaborar despois un presuposto para o remate das instalacións e a súa posta en funcionamento, que ten o próximo mes de setembro como data límite. O rexedor lalinense lembrou que as obras contratadas con Proinsa por un importe de 335.697 euros acabaron cun gasto total para a obra executada de 365.129. A diferenza, 33.431 euros, «é o importe que debemos afrontar para o remate e recepción da obra por parte do Concello, ademais de negociar con Unión Fenosa a acometida eléctrica», sinalou Xosé Crespo. Durante a visita ás instalacións, a directora xeral e o rexidor constataron as carencias de mobiliario e a falla de reparacións arquitectónicas, para as que Crespo solicitou a colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade. Achega da Xunta Carme Adán adiantou que a Xunta achegará o 80% do custo total das obras de remate. A secretaria sinalou neste sentido que «enviaremos un arquitecto da delegación provincial tan pronto como sexa posible para visitar a obra co fin de concretar as actuacións necesarias para proceder á inauguración da gardería». Unha vez realizada esta visita e coas demandas formuladas polo arquitecto, o Concello ten previsto elaborar un proxecto de obra que será remitido á Secretaría Xeral de Igualdade para a súa aprobación, na que Carme Adán comprometeuse a «axilizar todo o posible de xeito que as obras poidan realizarse canto antes». Carme Adán e Xosé Crespo concretaron que este proxecto abranguerá a reparación dalgunhas deficiencias detectadas no proceso de construción, como o cambio de manubrios nas portas, o mudar cristais por outros máis resistentes. Tamén está pendente a colocación dunha cociña con amoblamento de aceiro inoxidable e todo o mobiliario das distintas aulas da gardería. Ademais, a nova intervención incluirá traballos no exterior do edificio, mellorando a súa imaxe e os servizos como a creación dunha pista de xogo de area no semisoto, unha entrada para a carballeira situada na parte de atrás do predio, a creación dunha pequena horta ou colocar pavimento de caucho na zona de xogo actual para evitar danos nas caídas dos rapaces. Consorcio de Servizos Adán valorou positivamente a intención do Concello de Lalín de adherirse ao Consorcio de Servizos que promove Vicepresidencia da Igualdade: «É un claro exemplo dun concello que comprende a importancia dos servizos».