Reportaxe | Un curioso artesán Ramón Aser encheu páxinas neste xornal por diferentes causas ao longo de trece anos. Agora é un artesán de obras sorprendentes abertas ao público
03 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.?e en Dozón aínda é posible atopar escenas de hai vinte anos, como as perfectas divisións nas leiras con valados de pedra, o concello tampouco anda escaso de tesouros interiores. Saíndo do núcleo rural de Dozón, camiño do testemuño románico do século XII, San Pedro, vive un dos últimos pulsos artesáns. Ramón Aser ten unha longa relación cos medios de comunicación. Fai cousa de trece anos, saltaba ás páxinas do xornal porque, farto de que non se lle aboase a axuda da Xunta para manter aos seus fillos, plantouse en San Caetano con dous dos seus fillos e ameazou con deixalos alía o coidado dos funcionarios. Nunca un trámite se axilizara tanto, recordan os xornais da época. Pero Aser non só foi protagonista por este caso, do ano 93. Cando catro anos máis tarde volveu saltar aos informativos foi por outro suceso: perdeuse durante tres días no monte cando procuraba comida para a súa familia en Nadal. Quizais sen parte estes dous feitos, que marcaron a Aser, dean unha idea da súa obra, que non está feita para ser mirada. É parte do seu fogar. A peza coa se fixo famoso, unha réplica á escala dun muíño de auga. Como unha parte máis de Dozón, parece que chega doutras épocas: «Non é unha imitación de ningún muíño. O deseño é meu. A maquinaria si que a copiei dos muíños», comenta antes de coller un feixe de graos de café para demostrar que a pedra moe. Incluso, emprega un sistema de canalización da auga para aumentar as revolucións. «Incluso hai que picar a pedra cando xira moito, que se non, queima a fariña, igual que os de antes», sinala. Sorpresa Aínda que está non é a súa obra máis sorprendente. Camiñando entre o pequeno xardín, decorado con cenadores feitos con árbores vivas anoadas, como a primeira arquitectura humana, Aser indica unha pequena entrada de cemento: «É a entrada do meu agocho». Efectivamente. Baixando por unhas escaleiras descéndese a un espazo feito a man, con pedras e cemento e incluso, bóveda. Como os antigos cenobios no que os monxes oraban e traballaban na Idade Media, ábrense pequenas estancias ata chegar á principal: un auténtico club social con barra, estufa e música. Axuda «Eu fixen a man todo isto, pero o que me importa é que se saiba cómo foi a miña historia». Conta que estivo na Cidade dos Muchachos en Bemposta, onde foi acróbata e creou un truco de maxia con cartas. O truco en cuestión é realmente sorprendente. Aser leva ben ser coñecido pola peza do muíño, da que posúe unha réplica Xosé Cuíña, ou que se fale deste cenobio moderno, pero tamén asegura que se lle dan as costas desde a administración como cando fixo o dos fillos, ou cando non lle chega a axuda da súa muller Alicia, enferma desde hai tempo. Tamén hai outro caso que lle aflixe: asegura que un mediador lle roubou o deseño e llo deu a un canteiro de Rodeiro «que o reproduciu incompleto. Fáltalle a pousafol, o pasagatos, a barandilla, detalles importantes», recalca. O que el fai non é artesanía para decorar. Son enxeños vivos e que amosan outra época, feita a man. Tamén comenta que deixa ver a súa obra a quen quere «sen cobrar» e que despois, cando o visitante descobre este recuncho sempre lle entran ganas de tomar algo «e terei que cobrarllo» argumenta. Por esta razón, desde o concello esixenlle papeis e formalidade hosteleira. «Non deixan gañar a vida a un», se queixa. A vida aberta e sen burocracia. A súa.