Arquitectura inútil en Cruces

A. Caamaño LALIN

DEZA

FOTOS: MARCOS MÍGUEZ

En directo | Accesos perigosos nos edificios públicos As deficiencias do acceso no instituto Marco do Camballón de Vila de Cruces impediron o paso do coche de bombeiros nun simulacro de incendio celebrado onte

14 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

«Esta proba forma parte do plan de emerxencias, para comprobar o que acontecería nunha situación de lume sen ter que esperar a que sexa real», comentou Juan, un dos catro bombeiros do parque intecomarcal de Silleda que onte tiveron que facer acrobacias para completar o simulacro de incendios no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. A xornada comezou á mañá co premer da alarma de incendios que avisaba de que a función principiaba. Os 350 rapaces e rapazas de ensino secundario, bacharel e ciclos formativos saíron en orde e maioritario silencio ata o patio do instituto. En total, tres minutos para desaloxar case por completo a inmensa mole que ocupa a entrada de Vila de Cruces. No patio agardaban efectivos da Policía Local, Guardia Civil, Protección Civil e membros do parque de bombeiros de Silleda. Só ficaban dentro do edificio dúas persoas, para que os bombeiros do parque intercomarcal de Silleda completasen a simulación da emerxencia. A manobra que tiñan que executar era básica e indispensable: os camións desprazados ata o centro educativo tiñan que entrar no recinto e estirar a escada para entrar por un das fiestras e rescatar ás finxidas vítimas do interior. No primeiro intento, o camión vermello, máis pequeno e que non está dotado de escada extensible para rescates, non venceu a angostura da entrada principal: «Podería entrar, en todo caso, se se puxese en liña recta, pero na realidade esa manobra non é posible facela», comentou Juan. Así foi. Intervención A beirarrúa estaba ateigada de coches no mediodía, e a hipotética viraxe de entrada non tiña espazo para realizarse. Os estudantes animaban as sucesivas intentadas, e mesmo inmortalizaban a vehículo e bombeiros coas cámaras dixitais. Chegou o momento da intervención do vehículo habilitado para rescates. Para poder operar, o camión tívose que situar ao outro lado da calzada e estender a escada nun movemento case imposible. O guindastre, cruzando a calzada, tivo que sortear varios obstáculos: un gran sinal de tráfico, todos os cables do alumeado público e diversas pezas do mobiliario urbano. Unha zona Por fin, a escada chegou ata unha das ventás que dan á rúa. A única entrada á que podían acceder está situada nun extremo dun predio que ocupa unha gran superficie. «Non tiñamos forma de chegar á outra esquina do edificio se acontecese algo por alí», recoñeceron os bombeiros. O director do centro educativo cruceño, Antonio Gómez, tamén quixo denunciar a situación de indefensión perante as emerxencias que sufre o instituto e que poderon constatarse onte no simulacro programado. «Fixemos todo segundo o plan, pero cando tocoulle intervir aos bombeiros, ningunha das dúas entradas servía. Espero que despois disto, Educación poña os medios para garantir e acondicionar os accesos ao instituto», aseverou Gómez. Bo humor Aínda que, ao final, o desenlace foi feliz para os que facían de vítimas encerradas. Con bo humor e algo de resignación, os bombeiros cumpliron coa súa labor, e tiveron tempo de pechar a mañá posando discretamente para os retratos do alumnado do instituto.