O Entroido do Ulla esmorece na Estrada polas loitas internas

Rocío García Martínez
Rocío García A ESTRADA

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

En dous minutos | Unha tradición en perigo Os «altos» dos xenerais só se celebrarán este ano no casco urbano. Santa Cristina de Vea cancela o «encontro» local, o último bastión do entroido tradicional en terras estradenses

09 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O entroido do Ulla está tocado. Alomenos no Concello da Estrada. Os exércitos que hai anos daban vivas e atranques por tódalas parroquias do val este ano van quedar na casa. O encontro de xenerais previsto no casco urbano estradense para o martes de Entroido é todo o que queda do esplendor doutros tempos. Correos e xenerais protagonizarán a partires das 18.30 horas os habituais enfrentamentos dialécticos. Pero este ano a cabaleiría de Santa Cristina de Vea chegará sola. Os problemas de entendemento no seo da asociación creada para fomentar o entroido local e desta entidade coa comisión de festas que adoitaba colaborar na organización impedirán que os xenerais cheguen á vila acompañados das comparsas e carrozas habituais. Os xenerais chegarán á Estrada sin acompañamento festivo e, na parroquia, non sairán siquiera a dar os «vivas». Eran o último bastión do entroido tradicional das aldeas estradenses, pero este ano cambiaron os enfrentamentos do carnaval polas pullas reais provocadas pola organización dos mesmos . Os mesmos veciños de Santa Cristina recoñecen ademáis que o espectáculo na vila faise case por obrigación, polo compromiso adquirido hai tres anos coa firma dun convenio co Concello. Daquela, o governo local decatouse de que a tradición do entroido estaba en declive e, ante as dificultades cada vez maiores para fichar xenerais para os encontros na vila, asinou un convenio cos organizadores do entroido de Santa Cristina de Vea. A idea era garantir a pervivencia da tradición coa creación dunha escola de xenerais e asegurar a celebración do atranque na Estrada. Sen embargo, o acordo non funcionou como debera. A escola non chegou a desenvolver unha actividade formativa contínua e, lonxe de impulsar o entroido, a festa vai cada vez a menos. O convenio remata este ano. Despois haberá que negociar outro acordo para impedir que a tradición se perda. Pero antes será preciso solucionar as disputas internas que dividen ós gardiáns da festa. Aparte do e ncontro dos xenerais do martes, A Estrada terá este entroido un amplo programa de celebracións que comezará o vindeiro sábado 17 cun baile infantil a partires das 17.00 horas na discoteca Tattoo. Nel actuará o malabarista galego Pablo Trasno, formado no Circus Space de Londres. O luns 19, a partir das 19.00 horas, celebrarase o concurso de disfraces, con tres categorías. No apartado de grupos haberá tres premios de 530, 300 e 150 euros, respectivamente. Para as parellas serán catro de 120, 90, 60 e 30 euros. Na sección de disfraces individuais as contías para os catro primeiros clasificados serán 60, 45, 30 e 15 euros. As inscripcións poden facerse no mesmo día. O concurso estará amenizado pola clown galega Isabel Martínez Risco, coñecida polo seu traballo en Homo Zapping e O Rei da Comedia .