O Silleda, unha grata sorpresa

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Reportaxe | O equipo agárrase aos postos altos da Primeira Rexional Recén ascendidos, os rapaces de Pepe Casal enfían a segunda volta como segundos de grupo, moi xustos de plantilla, pero con ganas de seguir colleitando vitorias

17 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?n total de 37 puntos, segundos na clasificación, 11 encontros gañados, 3 empates e 4 derrotas. Estes son os números que avalan ao que poderíamos considerar como o equipo revelación da zona: o Silleda. O conxunto de Primeira Rexional asinou unha primeira volta máis propia dun equipo asentado na categoría, ca dun recén ascendido, e vén de comezar a segunda metade da Liga con outra vitoria, o pasado domingo na casa do Dumbría, e pola mínima. O momento dóce que vive o Silleda en Primeira Rexional estivo precedido de tres tentativas frustradas de ascenso á categoría. Precisamente o ser un recén ascendido fixo que club e siareiros enfocaran a tempada actual como unha oportunidade para asentarse na categoría. O obxectivo a seguir era, e é, a permanencia. Ben é certo que o transcorrer do campionato está dando ás ao se Pepe Casal para mirar máis arriba, se ben o técnico silledense mantén os pés na terra. «A idea ao principio da tempada era a salvación, e o obxectivo segue sendo o mesmo, porque non se sabe cantos equipos poden descender», lembra o adestrador. O segundo posto que ocupa o Silleda, a tan só un punto do líder, o Mugardos, causa tamén certa sorpresa no propio club, tal e como recoñece o adestrador, que prefire ser cauto á hora de mirar para arriba. «A liga xógase nos últimos 10 partidos de Liga, así que hai que ir partido a partido». Da mesma opinión é José Antonio González, o presidente do club, que afirma que «confío en que sigamos ben, pero quedar entre os dous primeiros ao final de Liga sería unha auténtica sorpresa». O maior inimigo A cautela coa que o Silleda afronta a segunda volta resposta sobre todo á limitación de efectivos da plantilla. As lesións perseguiron dende principios de tempada ao equipo deixando o plantel sen algúns dos xogadores de referencia cos que partía. A baixa do porteiro Biti obrigou a Marcos a plantarse baixo os paus como titular con tan só 18 anos, asinando ata o de agora un traballo «fabuloso», comenta González. Javi González chegou ao Silleda con máis de 30 tantos asinados a tempada anterior, e como o goleador que determinaría os trunfos do equipo. Unha lesión tralo terceiro encontro de Liga apartouno ata agora do terreo de xogo descansando a responsbilidade en xogadores como Pablo, que leva asinados 17 tantos. Outro dos que non puido desputar tantos encontros como quixera foi Currás. O medio centro arrastra unha lesión que lle impediu ter minutos. Tampouco voltará aos campos de fútbol Uzal; os problemas que sofre o xogador nun xeonllo impediránlle desputar máis partidos co club. Toda esta retahíla de baixas que afectan ao Silleda non están a repercutir sen embargo nos resultados do equipo, que soubo sacar forzas de fraqueza e resolver con éxito a meirande parte dos seus compromisos ligueiros. Sen embargo, son precisamente as lesións, as tarxetas e as ausencias o maior perigo ao que se enfrontan agora os silledenses. «Agora comeza a segunda volta, e é cando as plantillas se vén máis afectadas por baixas, e tarxetas. Nós non temos unha plantilla ampla, e a ver como aguantamos», comenta o presidente do club. O mellor do equipo Á hora de analizar as claves que permitiron ao Silleda situarse nos postos altos da táboa, o seu adestrador teno claro: «a actitude dos xogadores e o bo ambiente que reina no vestiario», comenta Casal. «Somos un equipo aguerrido e con presenza física. Estamos traballando ben defensivamente, e xente como Pablo estanos resolvendo en ataque», mantén o adestrador. O técnico cré que o Silleda dos últimos encontros dista moito dos primeiros partidos de Liga, e agarda que o traballo siga dando resultados.