Silleda non paga traidores

JOSÉ CRESPO IGLESIAS

DEZA

TRIBUNA ABERTA | O |

13 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Diríxome a vostede para decirlle que lamento moito que queira xustificar o inxustificable. Cando eu cheguei á política, hai xa uns cantos anos, vin que había unha serie de persoas na comarca que eu consideraba honorables dentro do PP, entre os que se atopaba vostede. Naquel momento, a súa persoa dentro do PP de Silleda era considerada como unha institución, destacando por manterse firme e loitar incansablemente na dura travesía do deserto de AP, antes de converternos en PP e de chegar os triunfos electorais. Penso que aquelas persoas que nas etapas duras defenderon os intereses do noso partido teñen un mérito enorme. No seu caso, o PP recoñeceu a súa traxectoria coa imposición da Medalla de Ouro, que non hai moitas persoas que a posúan en Galicia. Cando unha formación política ou institución entrega a unha persoa a súa Medalla de Ouro, significa que esa persoa é honorable e, por así decir, a proba de bomba con respecto á súa integridade en todos os aspectos. Teño que lle decir que vostede decepcionoume. Dí que doou esta Medalla de Ouro a unha ONG. Señor Rilova: a quen lla tiña que entregar é ao propio PP, que foi quen lla dou. Unha vez que o PP lle concedeu este recoñecemento por consideralo unha persoa honorable e o decepciona, o mínimo que ten que facer é devolvelo a quen llo entregou. Por certo, se é verdade que o doou a unha ONG, podería concretar, a título de curiosidade e para ver se foi certo ou mentira, a que organización o fixo chegar e en que data. Recórdolle, señor Rilova, que nunca dou resultado andar cambiando de chaqueta, e menos en política. E tamén sabe, ou debería, que Roma non paga traidores. ¿Con que desfachatez pode vostede presentarse na casa dun veciño de Silleda pedíndolle o voto agora para o PSOE, cando non hai moito tempo era dos máis abertzales e un activista destacado do PP? Remato. Non me vou cartear con vostede na prensa. Con esta misiva zanxo esta cuestión para sempre. Só decirlle que me doe moito a decepción que me produxo como persoa, non polos votos que poida restar (ou sumar) ao PP, senón porque o consideraba unha persoa íntegra e honorable, e agora non penso o mesmo. Sei que no fondo da súa conciencia a súa atitude vaille remoer ata que morra. Non lle desexo ningún mal, pero ogallá no futuro o PP teña máis tino ao dar as súas máximas distincións para que quen as reciban sexan ata o final do seus días exemplo de compromiso, fidelidade e comportamento para as novas xeracións que traballan nesta formación. A vostede, lamentablemente, non o podemos considerar un exemplo.