EL CRISOL | O |
11 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.A ÚLTIMA cruzada do executivo estatal estase prolongando de forma agónica, quizais porque é unha campaña que afecta a un dos vicios máis repudiados e, ao tempo, atractivos do mundo occidental. O tabaquismo é o cabalo de batalla dos responsables da Sanidade, que queren a toda costa atallar o problema-e a doenza, e o noxento hábito e todas esas cousas que significan chupar fume en bastonciños brancos e cheminear pola boca ou polo narís-desde a raíz, é dicir, na adolescencia, e se nos poñemos estritos, na infancia. A isto chámaselle ser un radical de dicionario, que vai ao fundamental e ao total. Será un ademán máis ou menos aceptado, pero a fin de contas, con certeza, algo mudará. Pero fóra das declaracións, dos programas e das imaxes que se venden está a realidade dos votos. Se o dictame dunha das grandes empresas demoscópicas di que o teu electorado é maioritariamente fumador, ou que, tal e como están as cousas, se vas perder a cadeira por caerlles mal a tal colectivo-todos pertencemos un colectivo, ¿vostede non?-convén, cando menos, suavizar as formas. Por esta razón, os hostaleiros do Deza teñen que facer un oco nos pantalóns e presentarlle un novo compañeiro ao abridor: o mando que regula a máquina do tabaco. E non só iso, se estes trebellos tiñan éxito é porque aforraban ao traballador o ter que despachar tabaco. E, poden crerme, cando unha noite de copas tes que atender ás sucesivas hordas de festeiros que entran pola porta, subministrar rubio americano non é unha tarefa demasiado agradecida. Por non dicir que é unha putada. E no fondo de todo este asunto están os rapaces. Como dixen, a intención de afastalos do vicio é loable, pero ao final, amañaran calquera xeito de facerse co escuro obxecto de desexo. Unha parvada como calquera outra pero que están na obriga moral de facer. ¿Por qué non prohibir o tabaco, e dar o salto total ao radicalismo?