Gelucho urxe reforzos para afrontar con solvencia a volta

DEZA

A efectividade do Ordes cortoulle as ás ao Lalín en só 10 minutos O técnico do Lalín está satisfeito coa entrega dos seus homes á hora de tentar a remontada

08 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O Club Deportivo Lalín non puido iniciar con vitoira o ano. O Ordes truncou os obxectivos dos de Gelucho aos dez minutos de iniciado o encontro. A desorde coa que os xogadores lalinenses iniciaron o encontro do pasado domingo lastrou o resto do partido, e rompeu todos os esquemas ideados para o partido polo seu técnico, segundo él mesmo comenta. O 0-2 ao que tivo que enfrontarse o Lalín no minuto 8 da primeira metade foi froito, segundo Gelucho, do descontrol inicial do Lalín, e da efectividade dos xogadores do Ordes, que non deixaron escapar ningunha oportunidade. A pesar do costa arriba que se lle puxo o partido ao Lalín, ao que lle costa enfrontarse a remontadas, Gelucho cré que os seus homes tentaron con seriedade facerse co encontro. Isto é precisamente un dos lados positivos cos que se queda o técnico do Lalín, «a pesar de todo, tivemos momentos nos que pelexamos polo partido, e nos que soubemos atacar con criterio», comenta o adestrador. Coa entrada de Manu por Valeiras no minuto 26 Gelucho tentou darlle un aire novo ao Lalín que soportou o envite do Ordes con máis tranquilidade trala expulsión dun dos xogadores do Ordes no minuto 37. Foi Marcos o encargado de transformar o penalti a prol do Lalín. Trala reanudación, o Lalín desfrutou de varias ocasións que non conseguiu converter. O terceiro tanto do Ordes no minuto 73 resultou definitivo ao rematar de decantar o encontro a favor dos visitantes. Reforzos Para poder afrontar con maior solvencia a segunda volta, Gelucho cré que o Lalín ten unha necesidade urxente de reforzos. O técnico xa pedira caras novas para a plantilla ao coller as rendas do equipo, pero os reforzos estanse facendo agardar. Respecto a cal é o posto con máis urxencia a cubrir, Gelucho teno claro: «urxentes son todos». Moito máis a estas alturas de campionato, cando as lesións e as sancións se interpoñen entre as intencións dos técnicos e a realidade do banquillo. Mentras, a directiva lalinense segue a traballar para poder anunciar incorporacións solventes á plantilla nun prazo breve.