«A xerencia da residencia é un reto que me atrae»

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

Entrevista | María José Batán Despois de ocupar a secretaría técnica da Asociación de Empresarios de Deza nestes últimos once anos, o vindeiro día 2 farase cargo da dirección do centro de maiores

23 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Lembra con cariño aos tres presidentes que tivo a Asociación de Empresarios de Deza, e con quenes lle tocou traballar. -Aprendín algo de todos eles. O presidente fundador foi Ángel Fernández Presas, e por aquel entón o obxectivo era a unión e a defensa dos intereses dos empresarios. Era unha etapa inicial á que lle seguiría José Ramón González ao frente, e agora José Luis Vila. Todos traballamos para que Lalín e a comarca se coñecera fóra de Galicia, hoxe iso xa se superou e o actual presidente prantexa outras metas e retos. -¿Cal era a estructura da AED naqueles primeiros anos? -En outubro de 1995 foi cando comecei na asociación e había menos de cen asociados. Hoxendía a cifra é de cincocentos, pertencentes a toda a comarca. Daquela, como dixen as nosas metas eran ben diferentes e foron ampliándose co paso dos anos. Chegaron máis servizos á AED para os asociados, comezamos a asinar convenios con distintos organismos e mesmo se abriron as relacións con moitas institucións. -Despois dunha etapa de once anos na AED aposta pola xerencia da Residencia Nosa Señora das Dores, ¿un reto? -A verdade é que é un reto que me atrae. Non desembarco na residencia xa que a Asociación de Empresarios de Deza formaba parte do patronato polo que xa coñecía o centro que posúe unhas dimensións importantes polo que se facía preciso contar coa figura de xerente. Puxéronse en contacto conmigo, fixéronme unha proposta e para diante. -¿Cales serán as súas primeras accións organizativas dentro da residencia? -Manterei unha reunión coa directiva do centro para definir as líneas de actuación e fixar tamén as prioridades básicas sobre as que se tentará traballar. Haberá que realizar un organigrama do centro a nivel de recursos, e a nosa intención é pór en marcha o centro de día e mellorar os equipamentos para o que xa dispoñemos dunha subvención concedida pola entidade Caixanova. -O máis positivo dos once anos na AED... -A bagaxe que adquirín nestes anos, a satisfación de traballar con colectivos desfavorecidos, o equipo humán da asociación que é fantástico e o apoio que recibín dos socios. Pendente queda rebaixar a peaxe.