Trujillo, Rubial e Taboada compiten dende mañá no español de Natación en Barcelona
DEZA
?s nadadores dezanos Mónica Trujillo, Alberto Taboada e Alba Rubial compiten dende mañá no Campeonato de España de Invierno de categoría Absoluta que se celebra en Barcelona dende mañá e ata domingo. As dúas nadadoras do Club Natación Lalín e o lalinense que compite polo Pabellón Orense serán tres dos 537 deportistas que competirán durante os tres días de campionato na piscina Nova Escurella de Barcelona. A silledense Mónica Trujillo tomará saída nas probas de 100 e 200 metros bolboreta. A nadadora chega a Barcelona nun bo momento físico segundo indicou o adestrador do C.N. Lalín, Carlos Vázquez. Trujillo, que está no Centro de Tecnificación de Pontevedra, afronta o campionato Español para o que se estivo preparando co obxecito de mellorar as súas marcas e lograr a mellor posición posible. Vázquez lembraba que Mónica chega a Barcelona coa mellor marca das nadadoras da súa idade en 200 bolboreta (nadas no 1990), pero deberá competir con deportistas ata dez anos maiores, «e que veñen de competir en moitos casos en campionatos europeos e mesmo do mundo», puntualizaba Vázquez. Trujillo nadará os 200 bolboreta o venres pola tarde, e os 100 o sábado na sesión de tarde. A outra representante do C.N. Lalín en Barcelona, Alba Rubial, competirá na distancia de 100 metros costas. Alba chega ao campionato co obxectivo de seguir sumando experiencia, posto que a categoría na que competirá é Absoluta, e Rubial está a prepararse de xeito máis específico para os campionatos de G-4. O turno da nadadora lalinense chegará mañá pola mañá. Taboada en catro probas Alberto Taboada competirá en catro probas durante os tres días de campionato: 100 e 200 costas, e 100 e 200 metros estilos. O nadador comezou a adestrar tarde para o campionato, e segundo él mesmo dixo, non chega a Barcelona no seu mellor momento físico, posto que vén de pasar un problema nas costas. Aínda así Taboada ten boas sensacións e afronta o campionato coa intención de asisnar a mellor actuación posible. Mañá nadará as probas de 100 metros costas e 200 estilos, e o domingo competirá nas probas de 100 estilos e 200 costas.