O conxunto roxinegro atópase cun rival que aínda non sabe o que é gañar nesta Liga Antío, Roberto Álvarez e Borja foron os descartes de Milucho para a viaxe a Madrid
14 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O Boadilla Concepción é esta mañá (12.30 horas) o obstáculo que se interpón entre o Portadeza Lalín e a súa cuarta victoria consecutiva na Liga 2006/2007. Co triunfo onte por goleada do Novás sobre o Toledo ben presente, o conxunto roxinegro desprázase a terras madrileñas para atoparse cun adversario de novo cuño, base sobre a que un grupo de ilustres ex xogadores do mítico Atlético de Madrid pretende impulsar o nacemento dunha nova idade de ouro do balonmán na capital española. O certo é que as cousas non lle están a saír ben ao Boadilla Concepción ata o de agora. Tras debutar cun empate a 26 na súa propia cancha fronte ao Bueu Atlético, o conxunto dirixido por Juan Antonio Hernández encaixou dúas sorprendentes derrotas a domicilio: 29-23 co Carballal e 32-31 a mans do El Canario Catering Chapela. O adestrador do Portadeza Lalín, Milucho, lembraba onte na véspera do partido o mal inicio do seu contrincante de turno, só para tomarse o dato como unha advertencia. Porque semella evidente que un conxunto «con tantos nomes, que fixo unha boa colleita de xogadores de Madrid e que aínda non demostrou o seu potencial desexará probar canto antes do que é capaz», sinala Milucho. O plan de xogo do Portadeza en Boadilla pasa por exprimir ao máximo a velocidade do seu xogo, sabedores na capital dezá do pouco que lles gusta aos equipos madrileños os partidos rápidos. Epeldegui e Beret A nivel individual, o técnico do Portadeza salienta dous nomes no plantel do Boadilla. Un é o de Epeldegui, pivote de grande envergadura e calidade, como xa comprobou o propio Portadeza nos seus duelos da pasada campaña coa Sa-Fa. O outro é o de Eduardo Beret, lateral esquerdo que forma unha parella letal con Epeldegui. O adestrador do Boadilla descartou o venres a presencia de Beret no encontro por mor dunha lesión. Mais Milucho non se fía deste tipo de declaracións, escaldado de ver como os rivais anuncian ausencias de xogadores importantes que logo se desminten coa presencia dos mesmos na cancha o día do partido. O último caso, o de Pablo, pivote do Carballal que xogou a pasada semana en Lalín só dous días despois de que o seu preparador dese por feito publicamente que non ía poder contar con el. No que respecta ás filas lalinenses, Antío, Roberto Álvarez e Borja son os descartes feitos por Milucho para o desprazamento a Madrid.